Vía Galega chama a participar no acto de izamento da bandeira galega en Camposancos
• Que terá lugar o sábado, 15 de novembro, ás 12 do mediodía no lugar de Peralta, en Camposancos
Lucía Veciño* / Camposancos
A Plataforma Social Vía Galega, chama a participar masivamente no acto de izamento da bandeira galega que terá lugar o sábado, 15 de novembro, ás 12 do mediodía no lugar de Peralta, en Camposancos (A Guarda). Este acto súmase a outros 22 que se celebrarán simultaneamente en distintos putos da xeografía galega para conmemorar o 107 aniversario da I Asemblea Nacionalista de Lugo que tivo lugar os días 17 e 18 de novembro de 1918.
Un ano máis, a Plataforma Social Vía Galega promove a iniciativa para popularizar os nos símbolos nacionais, nomeadamente a bandeira e o himno, este último pendente da súa restitución á versión fidedigna despois de que o PP manteña desde hai máis dun ano bloqueada a Comisión parlamentaria.
O acto consistirá na lectura dun manifesto elaborado por Vía Galega para a ocasión, a lectura de poemas de Pousa Antelo, Celso E. Ferreiro, Marica Campo ou Manuel María, rematando co izamento da bandeira mentres se interpreta o himno galego acorde á versión orixinal. VÍA Galega quere aproveitar a ocasión para agradecer o compromiso con esta actividade da Entidade Local Menor de Camposancos que colabora con este evento e que e que no seu momento cedeu o espazo para a colocación mastro no que ondea a bandeira.
O obxectivo da campaña responde, por un lado á boa acollida que tivo nos últimos anos, mais tamén á escalada de españolización e ocultación dos nosos símbolos. Un exemplo claro vémolo no anuncio recente do desfile do día das forzas armadas en Vigo o próximo ano. Por iso, desde Vía Galega entendemos que é máis necesario ca nunca impulsar campañas para divulgar o uso dos nosos símbolos, os únicos que nos representan, identifican e recoñecen como pobo e que fortalecen a nosa conciencia.
* Portavoz nacional de Vía Galega.


Ningún comentario:
Publicar un comentario