BALONMÁN FEMININO
O Guardés vaise ao parón recibindo a súa primeira derrota (24-22)
• O Mecalia caeu por primeira vez esta tempada este sábado en Telde, perdendo o invicto e índose con mal sabor de boca ao parón mundialista
• Tras unha primeira parte onde a renda local chegou a alcanzar os sete goles, o Guardés soubo reaccionar a mediados da segunda, cun parcial 0-5 que o deixou moi preto do empate
• Ania Ramos e Lorena Téllez, con catro goles cada unha, lideraron o ataque, aínda que foi fundamental o apoio de ambas as gardametas para tentar a remontada
Redacción Deportes / Telde
O encontro comezou con significativas dificultades para o Guardés, pois as locais ofreceron unha forte defensa desde os primeiros momentos sobre a pista. Foi Lorena Téllez a encargada de abrir o seu marcador e comezar a recuperar terreo fronte a un Rocasa que xa conseguira chegar á rede de Amandine Balzinc en dúas ocasións (2-1, min. 5). Rosane Serrano acertou pouco despois desde os sete metros, como vén sendo habitual, e empatou a contenda (2-2, min. 8).
Tratou de afinar entón o Mecalia o ataque, á vez que reforzaba a súa oposición defensiva. Pronto perdeu o conxunto insular a efémera vantaxe inicial, pasando a acoller agora un partido que ameazaba con poñérselle costa arriba (3-5, min. 12).
Pero un novo parcial 2-0 escorrentaba a superioridade visitante e devolvía o partido a táboas no ecuador desta primeira parte (5-5, min. 15). As de Ana Seabra parecían desconectadas do xogo, con varias perdas de balón pouco características pola súa banda que o rival aproveitaba en cada ocasión. Eider Poles encadeou dous acertos de penalti consecutivos e as anfitrioas recuperaron a renda, aínda que Serrano tivo a mesma ocasión na xogada seguinte (7-5, min. 20).
Debía enchufarse o Mecalia, que acumulaba un marcador algo baixo para aquelas alturas do cronómetro. Lulu Guerra freaba moitas das súas ocasións, con 5 paradas importantes xa ata aquel momento que daban ás ás súas para seguir crecendo. Ana Seabra solicitou o tempo morto para tratar de dar a volta a un encontro que estaba a comezar a complicarse para as súas (8-5, min. 21).
Á continuación, aumentou o ritmo do encontro por ambas as partes. O duelo converteuse nun tira e afrouxa en que, polo momento, demostraban maior forza as canarias. O Guardés apertou os dentes e cambiou de estratexia, cun ataque a sete que daba mellor resultado, pero que aínda non era suficiente para igualar ás locais, que se recuperaban con relativa facilidade ao partir dunha renda de tres goles xa significativa, e grazas a un xogo ofensivo propio que tampouco deixaba nada que desexar.
Pouco había xa que facer, e un parcial 5-4 pechou esta primeira metade, deixando ao conxunto galego cunha desvantaxe de catro goles para a segunda parte (13-9, min. 30). Tocaba reflexionar nos vestiarios para lograr apertar as porcas que estaban aínda soltas.
E, de maneira moi pouco característica para o Guardés, sucedeu máis ben o contrario. O Rocasa saíu á pista asestando un 3-0 que deixou con pouca ou nula capacidade de reacción ás locais, cuxo único gol chegou de novo desde a liña de sete metros da man da moza Serrano (16-10, min. 32). Comezaba a pintar mal a cousa para o equipo baixomiñoto, para quen perigaba o invicto que lograra manter durante as dez xornadas previas.
Ao Mecalia custáballe soberanamente desbloquear a defensa rival. Nada funcionaba para chegar ata a rede de Lulu Guerra, e nas poucas ocasións nas que si o facía, ela mesma ocupábase de frear os intentos guardeses de puntuar. Pasaban os minutos e o bloqueo parecía afectar agora a ambos os cadros, pois polo menos o equipo galego pechou filas en defensa e paralizou o aluvión canario na súa porta. Pero mentres o ataque non fixese o seu labor, a situación manteríase na súa contra (18-12, min. 41).
E houbo momentos de lucidez entre as filas galegas, como un parcial 0-5 que podía prometer remontada, aproveitando que a defensa insular rebaixou a intensidade uns instantes (21-18, min. 51). A falta de nove minutos para terminar, Carlos Herrera utilizou o seu dereito ao tempo morto para lembrar ás súas a superioridade que demostraran os 50 anteriores, consciente da capacidade guardesa para dar a volta á situación nun dicir amén.
A pesar do enésimo acerto de penalti de Eider Poles, a misión das baixomiñotas comezara. O Guardés enchufouse por completo ao partido nestes minutos finais, mostrando unha cara totalmente oposta á dos minutos anteriores e reaccionando con nota á desvantaxe acumulada. Sabina Mínguez encadeou varias paradas fundamentais para complementar unha defensa agora férrea e impulsar un ataque tamén agora concentradísimo e lograr un 1-3 que facía soñar ás súas con levar polo menos un punto (22-21, min. 56). Pero Lulu Guerra seguía facendo o propio desde a porta oposta, e o certo é que, grazas ás súas achegas e algún que outro acerto que seguía chegando, as canarias non perderon o liderado en ningún momento.
E aínda que a técnica Seabra gastou o seu último tempo morto para planificar o minuto final, o tempo apremaba e non foi suficiente todo o que loitaron as súas. A gardameta canaria seguiu estando cando lla necesitou e freou o intento final desde o extremo de Jazmín Mendoza, aínda que o resultado xa estaba decidido de antemán. O Rocasa levou a súa quinta vitoria consecutiva por unha vantaxe de dous goles (24-22, final), converténdose no único equipo capaz de vencer ao Guardés no que vai de Liga. Tras oito encontros en menos de catro semanas, os quilómetros rodados pesan e o equipo baixomiñoto vaise ao parón moi orgulloso do seu balance a pesar deste último sabor de boca amargo, e con ganas de resarcirse nos dous últimos encontros da primeira volta que agarda decembro.
Rocasa Gran Canaria (10+14): Linnea Sundholm, Almudena Rodríguez (2), Martina Lang (3), Larissa Da Silva (2), Lulu Guerra (p.), Victoria de Oliveira (5), Silvia Navarro (1) (p.), Maja Portillo, Inés Collado, Michaella Bocchieri (3), María Zaldua (1), Yassira Ramírez (2), Ana Medina, Ada Aparicio e Eider Poles (5).
Mecalia Atlético Guardés (7+15): Amandine Balzinc (p.), Jazmín Mendoza (2), Cecilia Cacheda (2), Lorena Téllez (4), Elena Martínez (1), Ariana Portillo, Sabina Mínguez (p.), Blazka Hauptman, María Palomo (1), Rosane Serrano (3), Cristina Cifuentes (1), Carme Castro, María Sancha (3), Anouk Nieuwenweg (1) e Ania Ramos (4).
Marcador cada cinco minutos: 2-1, 3-3, 5-5, 7-5, 10-7, 13-9, 17-10, 18-11, 19-14, 21-26, 22-20, 24-22.
Árbitros: Antonio Javier García e José Antonio Huertas. Amoestaron con tarxeta amarela á local María Zaldua e aos visitantes María Palomo e Will Ferrari (segundo adestrador) e excluíron con dous minutos ás locais Martina Lang, Maja Portillo (2), Larissa Da Silva e María Zaldua e ás visitantes Lorena Téllez, Jazmín Mendoza, Blazka Hauptman e María Palomo (2).
Incidencias: Partido de undécima xornada da liga Guerreras Iberdrola 2025/2026, disputado no pavillón insular Antonio Moreno, de Telde (Gran Canaria).
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario