A vida “novelesca” de Antonio Pena Pacheco
Antón Ferreira / A Guarda
“El precio de un sueño (Memorias de mi padre)” de Maruchi Pena Basseda, podería ser o guión dunha película baseada en feitos reais. Trátase da historia do emigrante guardés Antonio Pena Pacheco, que é, sobre todo, unha historia de crer nun mesmo, de superación, de traballo, de sacrificio e de amor. A historia dun home que logrou fortuna e nunca esqueceu as súas orixes nin a terra na que naceu: A Guarda.
Desde embarcarse como polisón fracasado, pasando máis tarde por unha identidade falsa para lograr acadar América onde realizou os máis diversos traballos. Fuxindo da policía ou sendo spárring do histórico Paulino Uzcudun e mesmo boxeador, ata ter unha visión comercial exitosa na crise do 29 do século pasado entre outras experiencias, converten estas memorias nun relato novelesco que, como dixemos máis arriba, podería ser o argumento dunha fermosa película. Sobre todo é a partir da páxina 21, “La decisión”, onde comeza o fío máis arriscado da vida de Antonio, mentres que as primeiras páxinas son un fuxidío retrato da vida guardesa de principios do século XX.
O libro, á venda en distintas librerías da Guarda, foi impreso en maio de 2014 e publicado por Edicións Cardeñoso. 110 páxinas de fácil e intensa lectura que, sen dúbida “enganchará” a máis dun lector. Vale a pena ler “El precio de un sueño (Memorias de mi padre)”, unha lección de vida; un exemplo para os que xa temos unha idade e, sobre todo, para aqueles que aínda son ben mozos descubrindo que “nada” é de balde. Hai que darlle as grazas a Maruchi Pena Basseda por darnos a oportunidade de coñecer a Antonio Pena Pacheco.

Ningún comentario:
Publicar un comentario