15 de nov. de 2025

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

 ACTOS DE IZAMENTO DA BANDEIRA

 Tiveron lugar este sábado, 15 de novembro, ás 12:00 horas, no lugar de Peralta (Camposancos)


Mª Mercedes (Merchi) Martínez Vázquez, presidenta da Entidade Local Menor de Camposancos, nos momentos preliminares ao izamento da bandeira
Reportaxe fotográfica: Santiago Baz Lomba


Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos

 A climatoloxía adversa non foi obstáculo para que un grupo de persoas de A Guarda, Camposancos, O Rosal, Tomiño,..., secundasen este sábado, 15 de novembro, ás 12:00 horas, no lugar de Peralta (Camposancos), a convocatoria da Plataforma Social Vía Galega, asistindo aos actos de izamento da bandeira. 

 Este evento súmase a outros 22 que se celebraron simultaneamente en distintos putos da xeografía galega para conmemorar o 107 aniversario da I Asemblea Nacionalista de Lugo que tivo lugar os días 17 e 18 de novembro de 1918.   

 Un ano máis, a Plataforma Social Vía Galega promoveu a iniciativa para popularizar os nosos símbolos nacionais, nomeadamente a bandeira e o himno, este último pendente da súa restitución á versión fidedigna despois de que o PP manteña desde hai máis dun ano bloqueada a Comisión parlamentaria.   

 O acto consistíu na lectura dun manifesto elaborado por Vía Galega para a ocasión, a lectura de poemas de Pousa Antelo, Celso E. Ferreiro, Marica Campo ou Manuel María, rematando co izamento da bandeira mentres a gaiteira Nadia Vázquez Martínez, de Camposancos, interpretou o himno galego acorde á versión orixinal. 

 Vía Galega agradece unha vez máis, o compromiso con esta actividade, da Entidade Local Menor de Camposancos que colabora con este evento, e que no seu momento cedeu o espazo para a colocación do mastro no que ondea a bandeira.   

 Desde Vía Galega lembran que "o obxectivo da campaña responde, por un lado á boa acollida que tivo nos últimos anos, mais tamén á escalada de españolización e ocultación dos nosos símbolos. Un exemplo claro vémolo no anuncio recente do desfile do día das forzas armadas en Vigo o próximo ano. Por iso, desde Vía Galega entendemos que é máis necesario ca nunca impulsar campañas para divulgar o uso dos nosos símbolos, os únicos que nos representan, identifican e recoñecen como pobo e que fortalecen a nosa conciencia".  

Ningún comentario:

Publicar un comentario