PRESENTACIÓN DO LIBRO CASTELAO, DESTA TERRA E DESTE TEMPO, DE MANUEL REI ROMEU, NA GUARDA
• Este venres, 14 de novembro, ás 20:00 horas, na Librería Atlántica
Infogauda / A Guarda
Este venres, 14 de novembro, terá lugar na Guarda a presentación do libro Castelao, desta terra e deste tempo, de Manuel Rei Romeu. O autor estará acompañado pola poeta Marta Dacosta. O acto decorrerá na Librería Atlántica, ás 20:00 horas.
No Ano Castelao esta é unha obra imprescindíbel se quixermos coñecer Castelao e o seu legado artístico, literario e político.
Esta obra de Manuel Rei Romeu ofrece unha imaxe integral e sen deturpacións dun referente imprescindíbel para a Galiza de hoxe. Ao longo desta monografía o autor fai un percorrido lineal pola obra artística e polas chaves ideolóxicas do pensamento de Castelao, esclarecendo que non está o artista confrontado ou illado do político nin o político á marxe do artista, como ben el mesmo se encargou de advertir en innúmeras ocasións. Hai sintonía de intereses e obxectivos entre ambas as facetas.
Nun momento en que o poder se esforza por estender a imaxe dun Castelao light, rebaixado nos seus presupostos ideolóxicos fundamentais, reducíndoo a “artista xenial” ou a unha especie de santo galeguista, é preciso coñecer e divulgar o Castelao auténtico, artista, caricaturista, pintor, escritor, pensador e dirixente político nacionalista, o home que colocou a súa vida e a súa obra ao servizo do pobo galego. Porque a súa obra e o seu pensamento continúan tendo plena vixencia e utilidade para construír a Galiza que el soñou, libre e dona do seu destino.
O AUTOR
Manuel Rei Romeu nace na Estrada (Berres-Vilancosta) en 1964. Licenciado en Filoloxía galego-portuguesa, é escritor e crítico literario. Desde moi novo tense dedicado á divulgación da figura de Castelao, especialmente do seu pensamento político. Arte e verdade. A obra literária de Daniel Castelao (1991), da súa autoría, considérase unha obra pioneira nos estudos sobre Castelao, non só por ser a primeira monografía sobre o conxunto da súa obra literaria senón tamén por ofrecer unha análise lúcida e profunda da mesma. Na mesma liña, publica varios traballos e libros, entre os que cómpre salientar Castelao e Sempre en Galiza (1996). No campo da crítica literaria realizou estudos sobre Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Otero Pedraio, Celso Emilio Ferreiro, entre outros.

Ningún comentario:
Publicar un comentario