23 de xul. de 2025

TUI

Abel Losada valora o fin da “asimetría en seguridade e en estética” a ambos os dous lados da fronteira coas obras da N-551 en Tui 

O alcalde de Tui recalca que se dignificou o maior espazo transfronteirizo de Europa 

A actuación ascendeu a 532.870,87 euros e supuxo tamén a renovación dos servizos subterráneos a cargo do Concello 


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, estivo acompañado do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; do xefe da Demarcación de Estradas en Galicia, Ángel del Rìo, e técnicos do Ministerio e a empresa construtora

Fotos: S. do G.

Infogauda / Tui 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou as obras de «Adecuación e mellora de seguridade viaria. Estrada N-551. P.K. 1+400 a 1+850. T.M. de Tui», na provincia de Pontevedra”, que finalizaron en días pasados. Estivo acompañado do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; do xefe da Demarcación de Estradas en Galicia, Ángel del Rìo, e técnicos do Ministerio e a empresa construtora. 

 O tramo coincide coa avenida de Portugal do centro urbano de Tui. Alí, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible redistribuíu a sección da estrada outorgando máis protagonismo ao peón, e mellorou substancialmente a imaxe da zona, que constitúe o punto de entrada a España para os miles de peregrinos que realizan o itinerario polo Camiño Portugués a Santiago. Ademais, constitúe a entrada a Tui, cidade declarada Conxunto Histórico-Artístico.  

 Abel Losada aplaudiu a colaboración do Concello de Tui, que aproveitou estas obras no trazado da N-551 para renovar as canalizacións dos servizos subterráneos. Ademais sinalou que se trata dunha actuación cun “valor simbólico” polo seu impacto nun espazo de contacto con Portugal, punto crave do Camiño de Santiago, “no que había unha asimetría, tanto na seguridade viaria como no plano estético”. 

 A obra coidou, precisamente, as cuestións estéticas do conxunto mediante o emprego de materiais acordes co carácter histórico do ámbito, así como a disposición de axardinamento nalgunhas zonas e outros elementos de mobiliario urbano. 

 Ademais, reordenouse o tráfico na contorna dos edificios fronteirizos da antiga Aduana, dispoñendo ambos os sentidos de circulación pola parte Oeste dos mesmos, xerando na parte Este unha superficie empedrada, potenciando o seu carácter peonil. 

 O importe de adxudicación das obras ascende a 532.870,87 € (IVE incluído). 


A obra coidou as cuestións estéticas do conxunto mediante o emprego de materiais acordes co carácter histórico do ámbito, así como a disposición de axardinamento nalgunhas zonas e outros elementos de mobiliario urbano

 Enrique Cabaleiro aplaudiu que se haxa dignificado o maior espazo transfronteirizo de Europa, onde non só hai un intenso paso de peregrinos, senón tamén unha presión importante do tráfico rodado. 

 Durante o acto destacouse tamén o valor da ponte internacional histórica entre Tui e Valença do Minho, deseñada polo enxeñeiro español Pelayo Mancebo e construída a finais do século XIX. Esta ponte, constituída por unha celosía metálica sobre piares de fábrica que aínda hoxe soporta o paso do ferrocarril entre España e Portugal, ademais do tránsito de vehículos e peóns, foi a primeira ponte de unión entre as dúas poboacións substituíndo ao paso en barcazas anterior, e constitúe unha obra dun inmenso valor técnico e histórico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario