23 de xul. de 2025

OIA

Oia acollerá o próximo outono, un curso de operacións básicas de loxística e distribución  


Infogauda / Oia   

 A partir do mes de outubro o Concello de Oia, en colaboración coa Fundación Érguete-Integración, pon en marcha o curso “Operacións básicas de loxística e distribución”, de 190 horas de formación, das que 80 se corresponden con prácticas en empresas.  

 O curso terá lugar do 6 de outubro ao 28 de novembro, en horario de 09:00 a 14:00 horas e incluirá módulos técnicos específicos de loxística e distribución, así como manipulación de alimentos e carretilla elevadora, ademais de prácticas non laborais en empresas. Tamén se impartirán contidos relacionados con competencias transversais para o emprego, igualdade de oportunidades e emprendemento e o alumnado contará coa posibilidade de recibir orientación laboral e crear un itinerario personalizado de inserción coa guía das profesionais da Fundación Érguete-Integración.  

 Esta formación, gratuíta, realízase ao abeiro do programa Emprego Inclusivo, promovido pola Deputación de Pontevedra, e diríxese a persoas que desexen mellorar a súa situación laboral.  

 O obxectivo principal do programa Emprego Inclusivo é mellorar a empregabilidade das persoas que se atopan en risco ou situación de exclusión social, facilitando a súa incorporación ao mercado de traballo a través do desenvolvemento da súa competencias laborais e persoais e o seu empoderamento.  

 As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información ou preinscribirse a través do teléfono do Concello de Oia, 986 362 125 (concelleira Carmen María Estévez Adrover), ou no enderezo electrónico cultura@concellodeoia.es 

Ningún comentario:

Publicar un comentario