24 de xul. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés faise coa gardameta internacional francesa Amandine Balzinc 

A porteira conta cunha significativa experiencia nas ligas nacionais francesa e romanesa, ademais de ter pasado por distintas competicións EHF. O pasado curso militou no CSM Targu Jiu 

Con 1,78 metros de altura e 32 anos, chega para aportar experiencia a un plantel renovado e de idade media máis nova  


Amandine Balzinc nova incorporación á portería do Mecalia Atlético Guardés
Foto: Cedida

Redacción Deportes / A Guarda 

 O Mecalia Atlético Guardés anuncia unha nova incorporación á súa portería. O equipo miñoto pechou este mesmo xoves a fichaxe da internacional francesa Amandine Balzinc, unha gardameta de 32 anos con ampla experiencia en distintas ligas europeas e competicións EHF que se estreará esta tempada na elite española.  

 Balzinc é natural de Gonesse, unha pequena cidade ao norte de París, e conta cunha importante experiencia no balonmán do seu país. Xogou como xuvenil na Selección e debutou con 23 anos no Mérignac Handball, que naquel momento militaba na segunda división gala. Con el gañou dous títulos e viviu o ascenso á categoría elite, a Ligue Butagaz Energie, na que o equipo se mantén. Na tempada 2021/2022 uniuse ao Toulon Métropole Var Handball, onde pasou dous cursos ata abandonar Francia para competir na liga nacional romanesa. Alí coñeceu dous conxuntos máis, o CS Dacia Mioveni primeiro e o CSM Targu Jiu despois, onde militou a pasada tempada. 

 Cabe destacar que Amandine foi capitá en distintos cadros de persoal, polo que saberá aportar os seus dotes de liderado baixo os paus guardeses e xunto ás súas compañeiras de menor idade. Ademais da súa capital experiencia nas máximas categorías destes dous países, da man dos seus diferentes equipos pasou por distintas competicións EHF, o que tamén foi un factor determinante para que o Mecalia Atlético Guardés decidira incorporala ás súas filas no mesmo ano no que volverá á European Cup. Os seus 1,78 metros de altura fan dela unha porteira vigorosa, ao tempo que áxil e rápida, que achegará a experiencia necesaria nun plantel renovado. 

 Balzinc supón a sétima fichaxe para a tempada 2025/2026 do Mecalia Atlético Guardés, sumándose ás recentemente anunciadas Anouk Nieuwenweg, Lorena Téllez, Sabina Mínguez, Nerea Gil e Rosane Serrano. 

Amandine Balzinc: “Estou emocionada por esta oportunidade de coñecer a competición española. Darei o mellor para as miñas compañeiras, a afección e o Club” 

 A nova porteira do Mecalia Atlético Guardés, Amandine Balzinc, explicou que se sinte “moi emocionada” de comezar o seu novo camiño co equipo. “É unha oportunidade para descubrir o campionato español e participar na EHF European Cup”, engadiu a gardameta gala, que conta con experiencia fundamentalmente na European League. 

 Balzinc destacou que, na súa etapa na liga feminina francesa, puido disputar varios encontros amigables contra equipos españois, nos que “quedei abraiada coas calidades individuais das xogadoras”, das que espera aprender e vivir en primeira persoa esta vindeira tempada. Polo demais, Amandine explica que se sinte preparada para “dar o mellor para as miñas compañeiras, os afeccionados e o Club” na que espera que sexa “unha grande tempada” para todos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario