A Deputación presenta no Palacete das Mendoza a edición bilingüe do poemario “Compracer nunca, con pracer sempre” no marco do ciclo Mulleres de Palabra(s)
• No acto, presentado pola deputada de Igualdade, Sandra Bastos, participaron a autora Carmen Quinteiro e a xornalista Susana Pedreira, co acompañamento musical de Sofía Espiñeira e Marco Maril
A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, coa autora Carmen Quinteiro e a xornalista Susana Pedreira na presentación da edición bilingüe do poemario “Compracer nunca, con pracer sempre”Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra acaba de organizar no Palacete das Mendoza unha nova sesión do ciclo Mulleres de Palabra(s), co que, en palabras da deputada de Igualdade Sandra Bastos, “reivindicamos a palabra das escritoras do pasado conectándoas cos nosos tempos, escoitando a escritoras da actualidade que teñen moito que dicir”. Na sesión presentouse a edición bilingüe do poemario de Carmen Quinteiro “Compracer nunca, con pracer sempre”, nun acto que incluíu un recitado da autora acompañado da música de Sofía Espiñeira e Marco Maril.
Bastos recordou que “Compracer nunca, con pracer sempre” foi escollido pola Deputación de Pontevedra como base para a campaña contra as agresións sexuais posta en marcha o pasado ano. Agora, con esta nova acción, a institución pretende que os versos de Carmen Quinteiro “cheguen a moitos fogares e nos axuden a espallar a igualdade dentro e fóra das fronteiras da nosa provincia porque, para nós, este é un obxectivo irrenunciable e seguiremos impulsando medidas para facer fronte ás violencias que sufrimos as mulleres”.
Mulleres de Palabra(s) arrancou o pasado mes de marzo en Vigo co encontro “Unha provincia de poetas” e xa recalou na Guarda con “As novas voces literarias da provincia”, en Sanxenxo con “Escribir para as máis novas”, en Pontevedra con “O persoal é literatura. O uso da primeira persoa na escritura das mulleres” e na Lama con “Bordando historias”. Tras esta cita no Palacete das Mendoza, o programa continuará en setembro, tamén en Pontevedra, co obradoiro para ler poesía a cargo de Apiario, Dores Tembrás e Antía Otero, e rematará o 13 de outubro, Día das Escritoras, cunha conversa no Pazo provincial con Arantza Portabales, Susana Fortes e María Oruña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario