6 de xuño de 2025

O ROSAL

San Miguel amosa un forte interese por formar parte da primeira comunidade enerxética local de carácter rural do Rosal 

 Grande acollida da reunión informativa celebrada recentemente. A implicación do tecido social e a colaboración farán de San Miguel un exemplo pioneiro  


Vista da asistencia á reunión informativa convocada polo Concello e celebrada na Sociedade de San Miguel de Tabagón
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 A veciñanza de San Miguel está decidida a ser un referente en sostibilidade e autosuficiencia enerxética. Así o acredita o éxito de participación na reunión informativa convocada polo Concello e celebrada na Sociedade de San Miguel de Tabagón, que contou cunha grande afluencia de veciños e veciñas da parroquia, demostrando un interese notable por formar parte e participar na primeira Comunidade Enerxética Local (CEL) de carácter rural do Rosal. 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou que “este proxecto pioneiro será un exemplo de como a colaboración veciñal e a aposta polas enerxías renovables poden transformar o noso rural”. 

 “San Miguel amosou unha implicación e ilusión exemplares e dende o Concello queremos agradecer esa resposta e poñer todos os medios ao noso alcance para que esta comunidade enerxética local sexa un éxito e motor de futuro”, recalcou.  

 O forte interese e compromiso demostrado pola participación do tecido social e asociativo, como a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Miguel, a traída de augas veciñal, asociacións locais e mesmo da Sociedade de San Miguel, que cederá o tellado para a instalación das placas, foron decisivos para escoller esta parroquia como centro do proxecto. Ademais, a parroquia de San Miguel sitúase fóra do radio de 2 km da comunidade enerxética O Rosal Enerxía, de carácter urbano, o que reforza a oportunidade de artellar unha nova comunidade de xeito complementario. 

 O encontro serviu para presentar a Oficina da Enerxía do Rosal, o seu papel na transición ecolóxica municipal e as vantaxes dun modelo cooperativo e sustentable de xeración de enerxía. A reunión contou coa participación do profesor da Universidade de Vigo e líder do proxecto europeo EC4Rural Xavier Simón, que destacou que “o futuro da enerxía pasa pola cooperación e pola autosuficiencia local”. EC4Rural escolleu ao Rosal para desenvolver o seu proxecto piloto de comunidades enerxéticas locais de carácter rural, o que sitúa o concello como referencia en autoconsumo, enerxías renovables e sostibilidade.  

Recollida de datos 

 O Concello terá aberto ata o vindeiro 30 de xuño o prazo de recollida de datos de persoas interesadas. Os veciños e veciñas que queiran formar parte desta primeira comunidade enerxética local de carácter rural poden facilitar o seu nome e apelidos, enderezo, teléfono de contacto e unha copia recente da súa factura eléctrica na Oficina da Enerxía, no Rexistro do Concello ou nas caixas de correo habilitadas en San Miguel: a caixa negra da Sociedade de San Miguel ou na caixa da Casa de Montes. 

 A Comunidade Enerxética do Rosal é unha oportunidade colectiva para reducir custos, usar recursos propios e fortalecer os vínculos locais. No Rosal hai unhas 16 hectáreas de cubertas aptas para instalacións fotovoltaicas, cun potencial de xeración catro veces superior ao consumo do municipio. Ademais, o Concello anima á cidadanía a participar activamente neste proxecto sostible, xusto e transformador. 

 A Oficina da Enerxía está situada no Centro Social Polivalente do Rosal e atende ao público de luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas a través do teléfono 677 73 73 21 ou do correo electrónico oficina@enerxia.eu. A oficina abre de forma presencial os xoves no mesmo horario. Ademais de facilitar información sobre as comunidades enerxéticas, na oficina tamén pode solicitarse información sobre outras subvencións públicas existentes. 

 As actividades da Oficina da Enerxía están cofinanciadas con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario