20 de maio de 2025

VIGO

A CIG mobilízase en Vigo para reclamar que se retomen as negociacións do convenio de elaborados do mar 

• A central celebrará unha asemblea de delegados/as do sector para decidir novas protestas no caso de que a patronal non fixe unha nova xuntanza 


Delegadas/os da FGAMT-CIG e persoas traballadoras do sector de elaborados do mar desenvolveron hoxe unha concentración diante da sede da Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (Conxemar) 
Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 Delegadas/os da FGAMT-CIG e persoas traballadoras do sector de elaborados do mar desenvolveron hoxe unha concentración diante da Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (Conxemar) en Vigo para reclamar que se retomen as negociacións do convenio colectivo estatal. Dende a central anuncian que a próxima semana celebrarán unha asemblea de sector no caso para decidir novas protestas no caso de que a patronal non fixe unha nova xuntanza. 

 A CIG optou por levar a cabo a concentración desta mañá tras a decisión unilateral do empresariado de anular a reunión da mesa negociadora prevista para hoxe “co agravante de non fixar unha data alternativa”. Unha decisión que a patronal basea no acordo do Consello de Ministros/as de tramitar pola vía de urxencia a redución da xornada. “En consecuencia, négase a negociar o convenio mentres non se publique o Decreto que recolle a redución de xornada”.  

 Algo que na central sindical consideran “de enorme gravidade e absolutamente inadmisíbel”, tendo en conta que aínda se descoñece o tempo que pode tardar o Goberno español en tramitar o Decreto e que a negociación do convenio require falar de moitas cuestións a maiores da xornada: salarios, permisos, categorías, pluses para determinadas condicións, prevención de riscos, etc. 

 Coa mobilización de hoxe a FGAMT-CIG quere enviarlle unha mensaxe moi clara á patronal: “Non imos consentir que se castigue as persoas traballadoras sen convenio e sen actualización de salarios, polo que lle daremos unha resposta contundente á decisión de boicotear a negociación”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario