20 de maio de 2025

ECONOMÍA

Unha das empresas galardoadas nos VI Premios Ardán débelle ao seu persoal tres nóminas  

  A FCM-CIG de Lugo denuncia que se recoñeza a ‘excelencia empresarial’ a A Vida 013 cando o seu persoal está vivindo unha situación dramática 


Mobilización de persoal do grupo de empresas A Vida 013, compañía con sede en Lugo
Foto: CIG

Infogauda / Lugo

 A Federación da Construción e da Madeira da CIG de Lugo tacha de espectáculo cínico e vergoñento que a Zona Franca de Vigo outorgue un dos seus premios Ardán á excelencia empresarial do ano ao grupo de empresas A Vida 013. A compañía, con sede en Lugo, adebeda neste momento tres nóminas aos seus traballadores e traballadoras, na súa maioría persoas migrantes e que están a vivir un auténtico calvario pola súa situación vital, fóra dos seus fogares, sen ingresos e sen un soporte social forte.  

 Os premios entregaranse o día 22 de maio, ás 19:00 horas, nunha gala que se celebrará no Auditorio Mar de Vigo e na que se destacará a oito compañías referentes de Galiza. Entre as oito empresas galardoadas cuns premios que din recoñecer “criterios relacionados coa competitividade e en valores como crecemento, fortaleza financeira, innovación, internacionalización, xestión do talento ou igualdade de xénero, entre outros”, figura o Grupo A Vida 013. 

 Esta empresa lucense, que conta con varias naves de produción en Lugo, nos polígonos do Ceao e As Gándaras, dedícase á fabricación de mobles e elementos decorativos en madeira e microcemento. Porén, leva meses con atrasos nos pagos tanto ao seu persoal como a provedores, “o que pode desembocar nunha situación de suspensión de pagos e concurso de acredores”, advirte o secretario da FCM-CIG de Lugo, Afonso Losada. 

 Considera intolerábel que mentres os traballadores e as traballadoras están a sufrir esta dramática situación, a Zona Franca de Vigo, co seu presidente á cabeza, o alcalde Abel Caballero, “se permite o luxo de premiar a esta empresa nada máis e nada menos que por ter sido una das oito empresas que superan ‘os indicadores de excelencia’ que, segundo di a organización, son o baremo que se aplica de forma ‘obxectiva y rigorosa’ na análise da información de mais de 45.000 compañías galegas que realiza o Departamento Ardán”.  

 Pregúntase cales son as máis de 40.000 empresas galegas que quedaron por debaixo deste grupo de empresas e cales son as motivacións para non chegar ao mesmo nivel que A Vida 013, tendo en conta a situación laboral e económica desta compañía.  “Xa ten que estar mal o empresariado galego para que esta empresa explotadora sexa un referente de nada”, conclúe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario