15 de abr. de 2025

A GUARDA

O Coro Gli Appasionati ofreceu un magnífico Concerto de Música Sacra

 Na igrexa parroquial de Santa María de A Guarda



O Coro Gli Appasionati ofreceu un magnífico Concerto de Música Sacra
Fotos: Cedidas


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 O Coro Gli Appasionati, de Vigo - ainda que conta tamén con integrantes doutras localidades, entre elas A Guarda -, vén de ofrecer un formidable Concerto de Música Sacra. Foi o sábado 12 de abril, na igrexa parroquial de Santa María, que por certo rexistrou unha destacada asistencia do respectable público, entre o cal se atopaban Luisa Sánchez Méndez, vicepresidenta segunda da Deputación de Pontevedra, e o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero.

 Antes de comezar o concerto, o párroco Juan José González Estévez, efectuou á presentación do Coro Gli Appasionati, salientando a destacada traxectoria artística do coro vigués, así como uns apuntamentos respecto do seu brillante palmarés. Tamén adicou unhas verbas á súa directora Nuria Lorenzo López, ofrecendo unhas pinceladas do seu brillante currículo profesional.

 Asemade, o presentador tamén tivo unhas verbas de agradecemento á colaboración da Deputación de Pontevedra e do Concello de A Guarda, que fixeron posible que este concerto puidese celebrarse.

 Seguidamente, Nuria Lorenzo saudou ás persoas asistentes e referíu, entre outras cousas, que este concerto ía adicado a dúas persoas do coro, falecidas recentemente, así como a José Luís Lorenzo Rodríguez, compositor, director e músico, de grata lembranza entre as persoas que o coñeceron.

 A continuación, cando os reloxos marcaban ás 21:20 horas, daría comezo o concerto, centrado na obra Stabat Mater.

  Stabat Mater é unha pregaria lutuosa que medita sobre o sufrimento de María durante a crucifixión de Xesús, seu Fillo.

 O texto pertence a un poema medieval datado no século XIII, de orixe franciscana, e que está conformado por vinte versos, sendo un dos textos relixiosos máis musicados ao longo de historia.

 Preto de dous centenares de compositores de distintas épocas, xéneros e estilos musicais escribiron obras sobre este texto. Con todo, malia a compartir título, todas as composicións feitas deica agora, non son coincidentes nin na estética, nin na función. Dese xeito, podémolas atopar de formas ben diferentes: himno, lauda, motete, oratorio,...

 Na Stabat Mater do compositor e pianista Esteve Dobrogosz  (Bellefonte, Pennsylvania, USA, 1956), obra que escoitamos no devandito concerto de música sacra, combínanse maxistralmente os elementos da música clásica e do jazz. Cada ton ten significado. O piano e os instrumentos de corda desempeñan un papel fundamental xunto ao coro.

 Esta Stabat Mater divídese en 8 movementos:

 1. "Eia Mater" comeza deste xeito: "Eia Mater, fons amoris, me sentire vim doloris fac ut tecum lugeam". "Oh, Nai, fonte de amor, faime sentir a túa dor, contigo quero chorar".

 2. "Dolorosa", utiliza o texto "Stabat Mater dolorosa iuxta crucem lacrimosa dun pendebat Filius". "De pé a Nai doorosa xunto á Cruz, chea de bágoas, mentras pendía o Fillo".

 3. "Quam tristis" sobre o texto: "O quam  tristis e afflicta fuit illa benedicta Mater Unigeniti. "Oh, cuán triste e aflixida estivo aquela bendita Nai do unixénito!".

 4. "Juxta Crucem" utiliza o texto "Iusta crucem tecum stare te libenter sociare in planctu desidero". "Xunto  a Cruz contigo estar e contigo asociarme no pranto do meu desexo".

 5. "Virgo" colle o texto de "Virgo virginum praeclara mihi iam non sis amara fac me tecum plangere" e "Vidit suum dulcem natum, moriendo desolatum, dum emisit spiritum". "Virxen de Vírxenes preclara non te amargues xa conmigo, deixame chorar contigo" e "Veu ao seu doce Fillo morrendo desolado o entregar o seu espíritu".

 6. "Tui nati" colle o texto de "Tui nati vulnerati, tan dignati pro me pati, poenas mecum divide". "Do teu Fillo malferido que por min tanto sufriu reparte conmigo as penas".

 7. "Cuius animan" colle o texto de "Stabat Mater dolorosa". "De pe a Nai doorosa".

 8. "Quando corpus" sobre o texto "Quando corpus morietur, fac ut animae donetur, paradisi gloria". "Cando o corpo estea morto, fai que a alma sexa dada á gloria do Paraíso".

 Ademais da súa directora, Nuria Lorenzo López, o Coro Gli Appasionati, contou co acompañamento dunha orquestra de cámara formada por instrumentos de corda e piano. 

 Interviñeron como solistas: Miguel Sánchez de León Peque (barítono) e Montserrat Arosa Villar (contralto).

 Salientar que o respectable público non dubidou en poñer en valor a indiscutible altura artística do Coro Gli Appasionati, premiando con merecidos aplausos todos e cada un dos movementos que forman a Stabat Mater de Dobrogosz, e ao final do concerto, os asistentes postos en pe, aplaudiron espontáneamente durante varios minutos. Esa formidable resposta do público tivo como premio, un bis, co que, arredor das 22:30 horas, remataría o magnífico Concerto de Música Sacra de Gli Appasionati.

Ningún comentario:

Publicar un comentario