“Mulleres. Historias de vida e igualdade”: un libro en homenaxe á historia de mulleres anónimas da vila
• A presentación terá lugar o xoves, 24 de abril ás 20:00h, no Centro Cultural de A Guarda
Infogauda / A Guarda
No ano 2022 deu comezo o primeiro obradoiro “Quérome, cóidome” promovido polo Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de A Guarda, dentro da iniciativa Semente de igualdade.
Naceu co obxectivo de aumentar a súa autoestima, apoderar e tecer redes de apoio entre as mulleres maiores de 55 anos das parroquias da Gándara e de Camposancos.
No 2024, na súa terceira edición do devandito obradoiro, apostouse por dar visibilidade ás participantes, ao seu saber e as súas experiencias. Todo o recollido reflíctese en “Mulleres. Historias de vida e igualdade”.
Este libro recolle a visión de 20 mulleres con idades comprendidas entre os 59 e os 89 anos sobre: traballo produtivo, reprodutivo, loito, tempo de lecer e tabús. A publicación contén relatos que amosan os cambios producidos ao longo do tempo, desde as súas nais ata o que hoxe ven nas vidas de fillas, netas e bisnetas.
Co libro “Mulleres. Historias de vida e igualdade”, o Concello de A Guarda quere render unha merecidísima homenaxe a todas esas mulleres anónimas da nosa vila, que son realmente as verdadeiras protagonistas. A presentación terá lugar o xoves, 24 de abril ás 20:00h, no Centro Cultural de A Guarda.

Ningún comentario:
Publicar un comentario