15 de abr. de 2025

A GUARDA

O Club de Billar A Guarda comezou unha campaña para dar visibilidade ao seu xogo

 O billar preséntase como unha actividade para  a inclusión e a diversidade 


O alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; Ura Valcárcel, monitora do centro San Xerome; Jaime Coedo, do Club de Billar A Guarda; e usuarios do San Xerome, participando nunha partida de billar
Foto: C.A.G.
  

Infogauda / A Guarda 

 O Club de Billar A Guarda comezou hoxe unha campaña para dar visibilidade ao seu deporte. Isto levaraos polos diferentes colexios da Guarda, e hoxe deron inicio co colexio de San Xerome.  

 “Viñemos con certa  incerteza, xa que non sabiamos como se desenvolvería o grupo, pero a experiencia superou as nosas expectativas”, declara Ura Valcárcel, monitora do San Xerome Emiliani. Aínda que ao principio houbo “algo de frustración ao non acertar cos golpes”, pouco a pouco deu paso “a súa satisfacción ao ver que podían xogar”.  

 O alumnado do centro San Xerome Emiliani desfrutou desta mañá diferente nas instalacións do club na Fortaleza de Santa Cruz, cedidas polo Concello. Ura destacaba que o espazo era “completamente accesible para persoas en cadeira de rodas, o que permitiu que todos puideran participar activamente, algo que valoramos moito”.  

 Ura Valcárcel asegura que repetirían a experiencia, pois o alumnado traballou “o aspecto social, que é fundamental, xa que poden interactuar cos outros”, pero tamén traballaron “a concentración, o pulso-motricidade, a coordinación...”. Uns beneficios que tamén destaca o tesoureiro do Club Billar A Guarda, Jaime Coedo Español.  

 O club quere resaltar a condición de deporte federado do billar e para iso “despois de Semana Santa empezaremos coas charlas nos colexios: ensinarémoslles que é o billar, a súa historia, as categorías...”. Queren chegar a máis de 200 alumnos e alumnas guardeses.  

 O obxectivo desta colaboración do Club Billar A Guarda cos colexios “é metelos (ao alumnado) no deporte e cambiar a idea de que é un deporte de bar”, recalca Jaime Coedo. Ademais, queren ofrecer ao alumnado a posibilidade de probar o deporte nas súas instalacións.  

 O billar é un deporte cunha arraigada tradición na Guarda, cos seus comezos hai moitas décadas. Agora o Club de Billar A Guarda continúa esa tradición deportiva con xogadores en todas as categorías e acadando grandes logros como o subcampionato de Galicia, de David Alfonso Acevedo e o terceiro posto no campionato galego. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario