A Guarda achega a memoria histórica local á cidadanía e ao alumnado
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda colabora co IES A Sangriña e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos e a Fosa Común de Sestás, na organización das III Xornadas de Memoria Histórica.
Estas xornadas deron comezo en Caminha, mais neste mes de abril chegan á Guarda, tanto para o alumnado do IES A Sangriña, como para a cidadanía na Casa dos Alonso.
O salón de plenos do Concello acollerá tres charlas sobre a memoria histórica, todas elas ás 20:00h. Na primeira sesión, o venres 4 de abril, o doutor en Ciencias da Cultura pola Universidade do Minho, Carlos Pazos-Justo, falaranos de memoria democrática en Portugal e en España.
O mércores 9 de abril, na Casa do Concello, o antropólogo forense e asesor do Goberno en Memoria Histórica, Francisco Etxeberría, poranos en contexto das leis de Memoria Histórica e de Memoria Democrática. Ademais, explicará o proceso levado a termo para a exhumación das vítimas da Guerra Civil e do franquismo.
Para pechar as xornadas, o mércores 16, a investigadora, Clara González, conectará o estudo do campo de concentración de Camposancos co noso contexto actual de sociedade democrática.
No IES A Sangriña, ademais da sesión de Francisco Etxeberría, desfrutarán das charlas de Fernando Llor, guionista de cómics como A volta dos nove ou La pieza, que disertará sobre memoria histórica expresión artística; e da charla da profesora da UNED, Fátima Martínez, quen porá a memoria histórica na dimensión do feminismo falando da memoria histórica e a loita pola igualdade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario