Telefónica abandoa as súas infraestruturas no Monte de Santa Trega, Monumento Nacional e BIC
Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (C.MM.VV.M.C.) de A Guarda
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (C.MM.VV.M.C.) de A Guarda denuncia que, tras catro anos, Telefónica segue sen reparar as infraestruturas de telecomunicacións no Monte de Santa Trega, declarado Monumento Histórico Artístico Nacional en 1931 e Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia.
Catro postes levan máis de catro anos caídos, con cables a ras de chan, sen que a empresa tome medidas efectivas. Tras interpoñer unha queixa formal ante Telefónica, un técnico visitou a zona pero limitouse a colocar unha cinta nun dos postes sen realizar ningunha reparación. A empresa comprometeuse a solucionar o problema antes do 28 de febreiro de 2025, pero transcorrido o prazo, a infraestrutura segue no mesmo estado de abandono.
Ante esta situación, a C.MM.VV.M.C. de A Guarda presentou denuncias formais ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia o 5 de arzo de 2025 e a Secretaría de Estado de Telecomunicacións (SETELECO). A Xunta non respondeu á queixa, mentres que SETELECO, tras un mes de demora, remitiu o problema de novo ao Concello da Guarda, que xa en 2020 ignorara as solicitudes de actuación. Neste punto, a C.MM.VV.M.C. de A Guarda está atrapada nun bucle burocrático sen solucións reais.
Un atentado contra o patrimonio e a seguridade
O Monte de Santa Trega é un dos enclaves arqueolóxicos e paisaxísticos máis importantes de Galicia, con restos do seu castro galaico-romano, considerado un dos mellores exemplos da cultura castrexa. A situación de abandono por parte de Telefónica non só afecta á súa conservación como BIC, senón que tamén supón un perigo para visitantes e veciños.
A C.MM.VV.M.C. de A Guarda denuncia a total inacción das administracións e da empresa, que incumpre as súas obrigas de mantemento e protección dun espazo recoñecido a nivel patrimonial.
Esiximos medidas inmediatas
A C.MM.VV.M.C. de A Guarda fai un chamamento á opinión pública e aos medios de comunicación para denunciar esta situación e reclamar unha solución urxente, ben reparando os postes, ben soterrando o cableado, para garantir a seguridade, conservación e respecto polo patrimonio cultural da Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario