26 de feb. de 2025

TOMIÑO

Tomiño reúne a súa mesa de traballo para a convivencia de agro e veciñanza  

•  O Concello valora positivamente a disposición a colaborar de veciños e produtores 

•  Tomiño segue pedindo a implicación da Xunta nunha problemática sobre a que ten as competencias e que afecta a moitos concellos galegos  


Vista das persoas que asistiron ao encontro da mesa de traballo integrada por representantes da veciñanza das zonas máis afectadas, e a que tamén foron invitados os representantes dos distintos partidos políticos que forman parte da corporación, así como as Xefaturas Territoriais de Medio Rural, de Sanidade e de Medio Ambiente da Xunta de Galicia
Foto. C.T.

Infogauda / Tomiño 

 O Concello de Tomiño continúa traballando pola convivencia de agro e veciñanza coa celebración dun encontro da mesa de traballo integrada por representantes da veciñanza das zonas máis afectadas, que son as parroquias de Amorín e Forcadela; e por produtores do sector agrogandeiro. A esta mesa de traballo foron tamén invitados os representantes dos distintos partidos políticos que forman parte da corporación, así como as Xefaturas Territoriais de Medio Rural, de Sanidade e de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. 

 O Goberno municipal, na reunión celebrada o pasado 30 de xaneiro, expuxo a súa intención de seguir dando pasos para encamiñar accións que minimicen o problema e seguir demandando a implicación da Xunta ante un problema que está aumentando en todo o país, comparable co da vespa velutina ou outras especies de insectos que, sobre todo, polo cambio climático e o pouco terreo adicado a servizos ecosistémicos, nos invaden. “Teremos que adaptarnos a estes cambios e intentar minimizar este problema” declara a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro. 

 Á mesa asistiron Julia Pérez Pacios, do Servizo de Explotacións Agrarias, da Consellería de Medio Rural e María Elena López, do servizo de Alertas Epidemiolóxicas, da Consellería de Sanidade. Por parte do servizo de explotacións agrarias expresaron que se teñen controlado as explotacións, non encontrando irregularidades nas mesmas, máis non os estercos que saen delas e, por parte do servizo de alertas epidemiolóxicas, de momento non detectan que haxa un problema de sanidade. A concelleira Ana Belén, agradecendo a súa presencia, demandou un maior control sobre o uso dos estercos, e por outra banda lamenta que, por terceira vez, dende a consellería Medio Ambiente, Territorio e Vivenda non contesten á invitación á mesa.  

 O Concello seguirá traballando, coa asistencia do grupo de investigación de Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo que fixo o estudo diagnóstico, para atopar accións chave cara a minimización dos problemas de convivencia, que xa van máis aló das proliferacións de moscas. 

 Paralelamente, a alcaldesa, Sandra González, segue demandando unha reunión da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), para intercambiar impresións sobre un problema que non é individual de cada concello, senón que afecta a municipios de toda Galicia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario