17 de feb. de 2025

PESCA

Xunta de Galicia e Interfish-España renovan o seu compromiso para impulsar a promoción e a comercialización da quenlla, o marraxo e o peixe espada 

 O acordo inclúe a realización dun informe sobre a situación do mercurio nos grandes migradores e a incidencia do selenio no seu consumo, o desenvolvemento de campañas promocionais ou a participación en Conxemar 2025

 O conselleiro do Mar e o presidente da Organización Interprofesional Pesqueira asinaron o convenio que tamén ten por obxectivo incentivar o consumo destas 3 especies 

  Interfish-España agrupa ao 99,7% das capturas da pesca de palangre de superficie, de xeito que os seus asociados xestionaron en 2024 preto de 51.500 toneladas destas especies, o que supuxo unha facturación máis de 186M€


O conselleiro do Mar, Alfonso Villares Bermúdez, e o presidente da Organización Interprofesional Pesqueira Interfish España, Joaquín Cadilla Castro, asinaron este luns o convenio de colaboración
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 O conselleiro do Mar, Alfonso Villares Bermúdez, e o presidente da Organización Interprofesional Pesqueira Interfish España, Joaquín Cadilla Castro, asinaron este luns o convenio de colaboración, a través do que renovan o seu compromiso co impulso da promoción e a mellora da comercialización das especies recoñecidas por esta entidade, e que son a quenlla, o marraxo e o peixe espada. Deste xeito, a administración autonómica e a organización pesqueira reforzan a cooperación que veñen mantendo nos últimos anos cun importe total de 400.000 euros, que serán sufragados ao 50% polas partes asinantes. No caso, da achega autonómica, esta inclúese dentro do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa).  

 O acordo anual inclúe a realización de accións específicas como son a elaboración dun informe sobre a situación actual do mercurio nos grandes migradores e incidencia do selenio no seu consumo e a súa influencia na redución de risco caridovascular ou carinoxénico; o desenvolvemento de distintas campañas promocionais nas que se poña en valor a sostibilidade e calidade destes produtos; ou a participación en Conxemar 2025, onde esta organización ten como actividade estrela o despece dun peixe espada de grandes dimensións, como fórmula de achegamento do público en xeral á pesca de palangre de superficie. Neste espazo de referencia estatal de produtos pesqueiros conxelados participaron na pasada edición máis de 27.000 profesionais de gran interese comercial.  

186M€ de negocio 

 Interfish-España creouse en 2019 ante a necesidade de representar de maneira coordinada a toda a cadea de valor dos produtos do mar (sector extractivo, transformador e comercializador) ante as autoridades españolas, autonómicas e europeas. Dende decembro de 2023, logo da integración de OPNAPA (Organización de Produtores Nacional de Palangreiros de Altura), agrupa ao 99,7% das capturas da pesca de palangre de superficie, de xeito que os seus asociados xestionaron durante o ano 2024 máis de 22.000 toneladas de quenlla, 18.000 de peixe espada e 1.470 de marraxo, cun volume de negocio de máis de 186 millóns de euros.  

 Está integrada por cinco socios, dos que catro son da rama de produción (OPP-7 Burela, OPP-8 Opromar, OPP-49 Orpagu e OPP-88 Opnapa) e un da rama da transformación e comercialización (Conxemar). Entre os seus obxectivos está mellorar a coordinación e as condicións para facer que os produtos de pesca e da acuicultura estean dispoñibles no mercado; divulgar as súas propiedades, características e mellora da información ao consumidor; velar polo adecuado funcionamento da cadea alimentaria; fomentar o consumo dos produtos pesqueiros en xeral, así como a responsabilidade social, xestionando de maneira eficiente todos os recursos utilizados para garantir a sustentabilidade económica, social e ambiental; desenvolver estudos para mellorar o coñecemento e transparencia dos mercados; ou fomentar iniciativas de I+D+I como ferramenta de mellora da competitividade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario