O CONCELLO DA GUARDA REVELA “UNHA NOVA FALSIDADE DO BNG DA GUARDA CO PUNTO LIMPO”
“NON EXISTEN IRREGULARIDADES SENÓN UN ERRO POR PARTE DO ARQUITECTO TÉCNICO MUNICIPAL QUE ELABOROU O INFORME”
• “O inventario de bens e dereitos do Concello da Guarda certifica a propiedade municipal da leira onde se proxectaba o novo punto limpo da Guarda e os seus lindes”.
• “Os informes elaborados polo arquitecto técnico municipal da Guarda garantían a execución do novo punto limpo da Guarda na leira sinalada” e manifestaban que “non existían afectacións de ningún tipo” polo que a obra podíase executar.
• “Con posterioridade á emisión do informe técnico do arquitecto municipal, os servizos xurídicos do Concello da Guarda detectaron que o informe apuntado contiña erros manifestos e modificouse a actuación para realizar do punto limpo”.
• A decisión do goberno municipal baseábase no devandito informe técnico e modificouse a actuación proxectada ante os erros manifestos que se detectaron.
• Incluso a empresa adxudicataria da obra renunciou á indemnización que lle podería corresponder para non prexudicar ao Concello ao constatar o erro dos servizos técnicos municipais.
Infogauda / A Guarda
O Concello da Guarda saíu á palestra “para acreditar un novo intento de manipulación política e falsidade por parte do BNG da Guarda co novo Punto Limpo da Guarda culpando ao alcalde da Guarda de irregularidades cando o único existente son os erros manifestos por parte dos técnicos municipais nos seus informes.
Así, o Concello da Guarda publicou os informes municipais e escritos que constatan tres cosas:
1º.- A propiedade municipal da leira onde se proxectaba o novo punto limpo da Guarda e os seus lindes pertence ao Concello da Guarda.
2º.- O informe elaborado polo arquitecto técnico municipal da Guarda que garantía a execución do novo punto limpo da Guarda na leira sinalada e manifestaban que “non existían afectacións de ningún tipo” polo que a obra podíase executar.
3º.- A renuncia á indemnización por parte da empresa adxudicataria para non prexudicar ao Concello polo erro dos servizos urbanísticos municipais.
Como sabemos, calquera decisión política referida a urbanismo, como pode ser a realización de obras, execución de proxectos, licencias etc., sempre debe vir avalada e certificada polos informes dos servizos municipais de urbanismo que son os asesores e expertos en materia de urbanismo dado que tanto os concelleiros como o alcalde non son expertos na materia. Con todo, non é a primeira vez que o Concello da Guarda ten problemas cos informes realizados polos servizos técnicos municipais de urbanismo como, por desgraza, coñece a cidadanía guardesa e os afectados, por exemplo, coas coñecidas como 21 licenzas”.
Roberto José Álvarez Carrero, alcalde da Guarda, manifestou: “Anxo Baz e o BNG da Guarda seguen coa súa cruzada persoal para desacreditar o noso traballo e, aproveitando un erro manifesto por parte dos servizos técnicos municipais e o seu informe, volven falsear a realidade e acúsannos de irregularidades cando, o único que fixemos foi basearnos en informes técnicos que, por desgraza, son erróneos. Por fortuna, o erro urbanístico emendouse e podemos garantir a modificación na actuación proxectada para o punto limpo. Tamén agradecemos a xenerosidade da empresa adxudicataria que renunciou á súa indemnización para non prexudicar ao Concello visto o erro do departamento de urbanismo da Guarda”.
Así mesmo, “o alcalde da Guarda, ante os erros reiterados dos servizos técnicos de urbanismo do Concello da Guarda, tomou medidas drásticas no departamento municipal que pasan pola reestruturación do mesmo”.
Finalmente, o alcalde da Guarda, afirmou que tómase “con moito humor o meme e caricatura en redes sociais o que se lle ve movendo os “marcos” da Guarda cara á O Rosal” e expresa: “isto do movemento é algo moi común no BNG da Guarda: cambian de posición como de chaqueta con tal de conseguir os seus obxectivos: Concepción Arenal sentido único, e pechan a circulación; Antonio Lomba “cobra moito”, e duplican salarios cando gobernan; “paremos ou escándalo de Fínola”; e non negociamos nada no pacto co PSOE, etc…; sobre todo o seu actual líder Anxo Baz que pasou de ser vicepresidente de Novas Generaciones do PP da Guarda a líder do BNG da Guarda”.
Documentos relacionados (*):
• Renuncia Empresa Adxudicataria
• Certificado titularidade da parcela
* Documentos facilitados polo Concello de A Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario