O Rosal rende homenaxe a Rosalía cunha gala chea de poesía e música
• Lectura de poemas da escritora e o espectáculo ‘Cartas Alén. Compromiso e coraxe’ de Son de Corda, marcarán a celebración do Día de Rosalía, este domingo 23 ás 19.00 h no auditorio municipal
Infogauda / O Rosal
As palabras de Rosalía de Castro seguen vivas, resoando no tempo como un latexo eterno que une historia e identidade. Este domingo 23 de febreiro, data de conmemoración do nacemento da escritora, a poesía tomará o auditorio do Rosal na xa tradicional Gala do Día de Rosalía, unha celebración especial para lembrar a figura da poeta galega máis universal. Un encontro no que as súas palabras e o seu legado volverán soar con forza da man da veciñanza e da música.
A gala - con entrada libre e de balde - comezará ás 19.00 horas cunha presentación e lectura de poemas a autora, que serán recitados tanto por representantes de asociacións como por persoas particulares interesadas en participar nesta iniciativa. Para formar parte da lectura é necesario inscribirse previamente chamando ao teléfono 986 625 000 ata este venres, 21 de febreiro.
A continuación, a poesía transformarase en música co concerto de Son de Corda, un cuarteto de voz e corda de Lugo, que traerá ao Rosal o espectáculo ‘Cartas Alén. Compromiso e coraxe’, que musicaliza poemas de autores galegos e portugueses acompañados de pianista, clarinetista e bailarina, creando unha experiencia única que unirá literatura e artes escénicas para poñer en valor a Rosalía e a poesía galega.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destaca que esta gala “busca ser unha pequena homenaxe a unha muller que foi pioneira do pensamento feminista, innovadora e adiantada ao seu tempo, precursora da poesía moderna e a autora que devolveu ao galego o seu carácter de lingua culta”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario