27 de feb. de 2025

ECONOMÍA

A CIG mobilízase contra a cesión ilegal de persoas traballadoras en BorgWarner 

• A Inspección de impúxolles sancións por falta moi grave á empresa da automoción con sede en Vigo, O Porriño e Nigrán e a dúas contratas 


A protesta, que contou co apoio do comité de empresa de BorgWarner, desenvolveuse de 11:00 a 12:00 horas ás portas do centro tecnolóxico da empresa do sector do automóbil no Porto do Molle
Foto: CIG

Infogauda / Nigrán 

 As federacións de Industria e de Banca da CIG desenvolveron hoxe unha concentración diante de BorgWarner, en Nigrán, para denunciar a cesión ilegal de traballadores entre a empresa da automoción e as contratas CTAG e Alten Soluciones. A Inspección de Traballo constatou esta fraude na contratación tras as denuncias da central sindical e impúxolles ás tres compañías sancións por falta moi grave. 

 A protesta, que contou co apoio do comité de empresa de BorgWarner, desenvolveuse de 11:00 a 12:00 horas ás portas do centro tecnolóxico da empresa do sector do automóbil no Porto do Molle e contou coa presenza de delegados/as da CIG e de representantes da central no CTAG. 

 Con esta mobilización, que terá continuidade nas vindeiras semanas, a central sindical quere denunciar a fraude na contratación en BorgWarner, unha vez que a Inspección constatou que entre a compañía e dúas das súas subcontratas -CTAG e Alten- se está a producir cesión ilegal de persoas traballadoras. En concreto, a autoridade laboral sinala a existencia de 43 empregados/as nesta situación (23 persoas no CTAG e 20 en Alten), polo que procedeu a sancionar as tres empresas por falta moi grave. 

 “BorgWarner utiliza este mecanismo para precarizar e obter man de obra barata, dado que a estas persoas traballadoras aplícaselle convenios inferiores (enxeñaría ou consultoría), con peores condicións que o convenio propio de BorgWarner”, sinalan dende a CIG. 

 E aprovéitase desta “medida fraudulenta” a pesar de recibir subvencións millonarias da Xunta para o novo centro tecnolóxico que está a construír en Porto do Molle, xa que na actualidade ocupa un edificio de Zona Franca. 

 Finalmente, dende a CIG explican que as persoas traballadoras afectadas xa presentaron as demandas pertinentes para pasar a formar parte do cadro de persoal de BorgWarner, ao tempo que anuncian que as mobilizacións continuarán nas vindeiras semanas. 

 BorgWarner conta con tres centros de traballo na área de Vigo (Zamáns, O Porriño e Nigrán).

Ningún comentario:

Publicar un comentario