19 de ago. de 2024

DEPORTES

BALONMÁN DHF

“O legado continúa”: a nova campaña de abonados do Atlético Guardés 

• O club anima aos socios e afeccionados a acompañarlles na tempada 2024/2025 

• O tema da campaña fai referencia ás orixes do balonmán guardés e aos pasos cara ao futuro 

 



Redacción Deportes / A Guarda

 O Club Balonmán Atlético Guardés presenta a súa campaña de abonados para a nova tempada 2024/25 baixo o lema “O legado continúa”. Esta iniciativa busca non só fortalecer o vínculo coa súa afección, senón tamén render homenaxe á historia e a tradición que converteron ao Atlético Guardés nun referente do balonmán feminino en España.  

 A campaña está deseñada para lembrar á comunidade o esforzo, a paixón e o sacrificio que definiron ao club desde a súa creación. Esta nova tempada será unha oportunidade para que todos os seguidores e novos socios únanse ao equipo nesta emocionante viaxe, asegurando que a herdanza do Atlético Guardés siga viva en cada partido e en cada logro.  

 A peza audiovisual que acompaña á campaña será estreada o día da presentación oficial do club, que terá lugar o mércores 21 ás 20:30 horas no auditorio de san Bieito. O vídeo está realizado por A Sombra Producións Audiovisuais. 

 


Novos prezos e sen días do club 

 O Club Balonmán Atlético Guardés cambia os prezos respecto a a tempada pasada. A clase xeral custará 125 euros. A partir de aí, 100 euros para maiores de 65 anos; 75 euros para menores de 20; e 60 euros para menores de 13. A categoría de empresa terá un prezo de 175 euros e permitirá, como no exercicio anterior, intercambiar o carné -os demais deben presentarse xunto ao DNI -. A estas categorías mantense a sumada o ano pasado, a categoría de socio con asento fixo que será de 225 euros. O abono é válido para todos os partidos da liga regular, eliminatoria e para a rolda preliminar da Copa da Raíña. Como novidade este ano non haberá días do club.  

 Para renovar o abono ou dar de alta un novo, hai dúas opcións. A primeira é acudir en persoa ao Pavillón da Sangriña, en Paseo de Portugal, s/nº. O horario de atención é de luns a venres de 16:30 a 20:30. A segunda posibilidade é facelo enviando un correo electrónico á dirección coordinador@balonmanatleticoguardes.com e anexar nel os seguintes datos: o nome completo; data de nacemento; a dirección postal e de correo electrónico; número de teléfono; número de abonado ou nova alta e unha foto do DNI polas dúas caras. Na resposta detallaranse as instrucións para efectuar o pago a través de transferencia. 

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

 A REVOLUCIÓN MEXICANA (1910-1920) 

A través da "Corrido"

 Venres, 23 de agosto, ás 20:00 horas, na Casa de Montes de Camposancos




Infogauda / Camposancos 

 Cada ano Joan Ignasi Castelló Vidal (Barcelona, 1947), persoa polifacética (enxeñeiro de montes, ex director do Servei de Parcs Nacionals i de l´Oficina Tècnica de Prevenció Minicipal d´Incendis Forestals de la Diputació de Barcelona; autor de “El bosc immobilitzat. Evolució històrica i anàlisi crítica de la política forestal catalana (1980-2014)” (Pagès editors); L’incendi forestal del massis dels espantats ENQUESTA DE LA COMISSIO ROVIRALTA (Pagès editors); membro da banda de música Agrupación Musical de A Guarda;..., prepara un traballo distinto sobre algún estilo musical. Este ano o seu proxecto tratará sobre A Revolución Mexicana (1910-1920). A través da "Corrido". 

 O evento contará cun audiovisual con filmacións e imaxes antigas, que permitirán coñecer as causas, enfrontamentos, desacordos, consecuencias, mitos e lendas dun conflicto armado que se iniciou en México, o 20 de novembro de 1910 e terminou o 1 de decembro de 1920, ainda que os antecedentes do devandito conflito remóntanse á situación de México baixo o goberno coñecido como o porfiriato, na que o ditador Porfirio Díaz exerceu o poder no país desde 1876 ata 1911.

 Será o venres, 23 de agosto, ás 20:00 horas, na Casa de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos.

A GUARDA

O Inferno da Sangriña celebra o seu 10º aniversario  por todo o alto 

 Sábado 24 de agosto, desde ás 17:30 horas, no patio do colexio A Sangriña

  

Presentación do Inferno Fest
Foto: C.A.G.



Infogauda / A Guarda  

 O colectivo de seareiros/as O Inferno da Sangriña celebra o seu 10 aniversario co Inferno Fest, un evento que unirá a toda a afección do balonmán guardés na tarde do sábado 24 de agosto. 

 A partir das 17:30 horas, o patio do colexio da Sangriña abrirá as portas para todo aquel que se queira unir a esta xornada.    

 Para os máis pequenos, haberá inchables, mais tamén pintacaras, globoflexia, xogos populares e ata tatuaxes temporais para que desfruten dunha tarde chea de diversión. 

 Ademais, haberá cantina e gastronomía para acompañar a música en directo que estará a cargo de Elena y sus amores e os pica discos Cristian Pereyra, Rrero e Vince Stone.  

 Asemade, O Inferno da Sangriña promete sorteos e moitas máis sorpresas para celebrar por todo o alto os 10 anos da mellor afección de balonmán. 

A GUARDA

Litus é o próximo concerto do ciclo TocaMúsica  

 O xoves 22 de agosto ás 21:00 horas, na rúa Vicente Sobrino




Infogauda / A Guarda

 O ciclo TocaMúsica da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de A Guarda retoma os seus concertos en diferentes recunchos da localidade. Desta volta, xa temos data para o concerto que se tivo que adiar polo mal tempo.  

 Litus, o líder da banda de Late Motiv, de Andreu Buenafuente vén a visitarnos co seu show “Me voy de rumba, me voy de fiesta”.  

 A través deste show, realizará unha selección de temazos rumberos e algún que outro clásico do pop rock. Todo isto poderemos desfrutalo o xoves 22 de agosto ás 21:00 horas na rúa Vicente Sobrino.

A GUARDA

O INICIO DA LICITACIÓN DA PISCINA MUNICIPAL

 Será tratado no pleno extraordinario deste mércores, 21 de agosto, ás 8:00 horas, na Casa do Concello de A Guarda


Casa do Concello de A Guarda
Foto: Infogauda

Infogauda / A Guarda

 O alcalde do Concello de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero convocou á corporación municipal, para á celebración dun pleno extraordinario, o vindeiro mércores día 21 de agosto de 2024, ás 8:00 horas, na Casa do Concello, para tratar o seguinte:

PUNTO ÚNICO: Expediente 1856/2024. PROPOSTA ALCALDÍA INICIO LICITACIÓN PISCINA 2024

O ROSAL

Unha unidade móbil de doazón de sangue chegará ao Rosal o vindeiro luns 26 agosto  

 Estará situada na rúa Ramón Franco nº 4, de 10.00 a 14.00 e de 16:00 a 21.00 horas  




Infogauda / O Rosal

 O Rosal finaliza agosto coa visita dunha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que estará no concello o vindeiro luns 26 á disposición daquelas persoas que queiran achegar a súa pinga de solidariedade. 

 Como de costume, o autobús situarase na rúa Ramón Franco número 4, e permanecerá aberto en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Todas aquelas persoas que desexen obter máis información poderán solicitala no teléfono gratuíto 900 100 828. 

 Poderán doar as persoas que teñan máis de 18 anos e pesen máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante tamén non esquecerse a tarxeta de doazón, o DNI ou algún documento similar e informar ao médico no caso de estar tomando algún medicamento. 

 A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, ademais das 10 unidades móbiles que despraza cada día, mantén abertos sete puntos fixos nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias de milleiros de doentes os 365 días do ano. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a todas as persoas que o necesitan, polo que a colaboración da cidadanía é fundamental.

GOIÁN (TOMIÑO)

Tomiño e Vila Nova de Cerveira quedaron retratados no Certame de Pintura ao Aire Libre Antonio Fernández   

 Jose Luís García Miranda foi o gañador desta XII edición; e María Arraúz e Juan Arévalo, acadaron a segunda e terceira posición, respectivamente  


A alcaldesa de Tomiño e membros do xurado, cos artistas premiados na duodécima edición do Certame de Pintura ao aire libre Antonio Fernández

Fotos: C.T.

Infogauda / Tomiño  

 A ambas beiras do Río Miño a xornada do domingo estivo marcada pola arte, no marco da duodécima edición do Certame de Pintura ao aire libre Antonio Fernández, que bateu o récord de participación con 55 artistas. 

 Este certame realizouse de forma simultánea nas vilas fronterizas de Tomiño e Vila Nova de Cerveira, onde os e as artistas debuxaron in situ diferentes paisaxes nunha actividade desenvolta pola Eurocidade Cerveira-Tomiño, coa colaboración da Fundaçao Bienal de Arte de Cerveira e da Comunidade de Montes de Goián. 

 As/os artistas recolleron pola mañá os soportes nos que elaborarían as súas obras, e dirixíronse posteriormente a diferentes puntos de Goián e Cerveira para deixar voar a súa imaxinación e recoller en vivo e en directo as paisaxes ou o acontecer destes lugares. 

 Tras a elaboración dos cadros, a praza Pintor Antonio Fernández acolleu a exposición das obras realizadas, que pasaron a ser valoradas polo xurado profesional, composto por artistas de ambas beiras do Miño. Mafalda Santos, Ana María Pintora, Pilar Alonso e Suso Cubeiro foron os encargados de seleccionar as obras merecedoras dos diferentes premios. 


José Luís García Miranda, gañador do primeiro premio do certame

 Na categoría de adultos, José Luís García Miranda resultou gañador do primeiro premio do certame, dotado de 1.200 euros, nun acto de entrega presidido pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Mentres que o segundo posto foi para María Arraúz de Robles e o terceiro para Juan Arévalo Gutiérrez, ambos premiados con 500 euros. Pola súa parte, os 3 accésits, dotados de 100 euros cada un, recaeron en Isabel Seidel, María de la Viña Ferrer e Noemí Comesaña Comesaña. 

 Na categoría xuvenil, a premiada resultou Paula Arruza Murelaga, mentres que na infantil foi Hannah Carvajal Seidel quen se fixo co primeiro posto. Ambas recibiron un diploma conmemorativo e material de debuxo e pintura para poder seguir experimentando nesta disciplina. 

 O Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández, que forma parte das actividades desenvoltas pola Eurocidade Cerveira Tomiño, consolidouse así como unha xornada dinamizadora das rúas e os espazos naturais de Goián e Cerveira, poñendo en valor deste xeito a importancia da arte e da cultura.

OIA

A unidade móbil de doazón de sangue visitará Oia   

Este martes, 20 de agosto, permanecerá aparcada diante do Concello de 10.00 a 14.00 horas




Infogauda / Oia

 A unidade móbil de doazón de sangue visitará Oia mañá martes 20 de agosto. Permanecerá aparcada diante do Concello de 10.00 a 14.00 horas, a disposición de todas as persoas que queiran achegarse.   

 Os requisitos xerais para facer unha doazón de sangue son ter máis de 18 anos de idade e pesar máis de 50kg. Cómpre almorzar pola mañá e, despois do xantar, ao mediodía recoméndase agardar 2 horas antes de acudir. Á hora de presentarse é necesario levar a tarxeta de doante, DNI ou documento similar.   

 Para consultar calquera información relacionada con estes temas, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS)  ten habilitadas varias vías de comunicación: o teléfono 900.100.828, o correo electrónico doadoressangue.ados@sergas.gal e a web https://ados.sergas.gal  

 A doazón de sangue é un sinxelo acto solidario que non leva máis de 10 minutos e grazas ao cal pódese salvar a vida doutras persoas. En Galicia son necesarias máis de 400 doazóns diarias, tendo en conta que os hospitais da comunidade atenden unha media de 2.800 urxencias, 800 intervencións cirúrxicas e 1 transplante de órganos e tecidos, entre outras actividades.   

 Para facilitar as doazóns, a Axencia conta con locais nas sete grandes cidades, así como 10 unidades móbiles que percorren toda a comunidade autónoma. 

TUI

Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia  

Abel Losada subliña en Tui o compromiso do Goberno por facer chegar a todos os concellos da provincia os investimentos do Plan de Recuperación  

O subdelegado supervisa a execución dos traballos de rehabilitación do novo edificio multiusos municipal   

A intervención está financiada ao abeiro do Pirep Local  


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, supervisou en Tui, xunto co alcalde, Enrique Cabaleiro, as obras de rehabilitación do novo espazo multiusos municipal
Foto: S. de G.

Infogauda / Tui 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, supervisou en Tui, xunto co alcalde, Enrique Cabaleiro, as obras de rehabilitación do novo espazo multiusos municipal, situado na rúa Camilo José Cela. A actuación é financiada con 793.725 euros do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos de entidades locais (Pirep Local) impulsado polo Ministerio de Transportes ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Losada valorou esta actuación como exemplo do compromiso do Goberno de Pedro Sánchez para facer chegar os fondos europeos a todos os concellos para aumentar servizos e mellorar a calidade de vida da xente.  

 O investimento, que supera os 900 mil euros, permitirá mellorar a envolvente do edificio, así como o interior, que contará con todos os protocolos de eficiencia enerxética, co obxectivo de convertelo nun espazo multiusos moderno e sostible, de máis de 400 metros cadrados. O subdelegado salientou “o avanzado estado dunha obra que permitirá dinamizar a vida dun Concello que é exemplo do bo aproveitamento dos recursos do Plan de Recuperación para mellorar a vida de todos os seus habitantes”. 

 Neste sentido, o subdelegado lembrou que este programa tamén outorgou 772.000 euros para a rehabilitación do Teatro Principal desta localidade.  

 Durante a visita, o subdelegado destacou que nos últimos anos Tui recibiu fondos europeos para dinamizar o seu turismo, o comercio e o patrimonio, entre outros, “como exemplo da aposta decidida do Goberno por facer chegar os fondos do Plan de Recuperación a todos e cada un dos municipios de Pontevedra, co obxectivo de mellorar a vida de todas e todos os pontevedreses, sen deixar a ninguén atrás”.   

VIGO

Continúa a solidariedade galega coa Palestina cunha nova acción 

 A Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina convoca para este mércores 21 de agosto, ás 11:30 horas, un acto simbólico na rotonda da cafetería do Castro, en Vigo 




Infogauda / Vigo

 A solidariedade galega co pobo Palestino non cesa. Este mércores 21 de agosto, ás 11:30 horas, na rotonda da cafetería do Castro, terá lugar unha nova mobilización en Vigo para esixir a fin do xenocidio e denunciar o criminal apoio do imperialismo a Israel.  

 Con esta acción convocada pola Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina (integrada polos colectivos Asociación Galaico Árabe Jenín, Galiza por Palestina e Mar de Lumes Comité Galego de Solidariedade Internacionalista) tamén se quere rexeitar a hipocrisía do Goberno español, que di estar en contra do xenocidio e participa en operacións militares na zona. 

 O acto simbólico consistirá no despregamento dunha bandeira palestina xigante e a lectura dun manifesto por parte de voceiros da Coordinadora, que aproveitarán para anunciar as novas mobilizacións que se desenvolverán a partir de setembro en solidariedade co pobo palestino ante o agravamento da situación na Faixa de Gaza. 

MEDIO AMBIENTE

A Xunta de Galicia adxudica por preto de 22.000 euros o estudo da distribución e abundancia en Galicia do sapoconcho común, unha especie en perigo de extinción 

O contrato, cofinanciado con fondos europeos do Programa Galicia Feder 2021-2027, permitirá actualizar a información dispoñible sobre as poboacións desta especie en distintas zonas das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra 


Sapoconcho común (Emys orbicularis)
 Foto: Wolfgang Simlinger

Infogauda / Galicia 

 A Xunta de Galicia adxudicou por preto de 22.000 euros o contrato para actualizar a información relativa á distribución e abundancia en Galicia do sapoconcho común (Emys orbicularis), especie incluída no Catálogo galego de especies ameazadas na categoría de “en perigo de extinción”, no marco do plan de recuperación aprobado no ano 2013.

 O contrato comprende a revisión da localización e tamaño das poboacións desta especie seguindo unha metodoloxía especializada baseada na empregada en traballos científicos previos e en melloras metodolóxicas recentes, como o emprego de sistemas dixitais de identificación individual, o que permitirá avaliar a tendencia das poboacións.

 Esta acción enmárcase nos programas de seguimento periódico e vixilancia do estado de conservación das especies e dos hábitats establecido na Directiva Hábitats, responsabilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. 

 Os traballos desenvolveranse en distintas zonas das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra. Concretamente, nas bacías dos ríos ourensáns Arnoia (concellos de Allariz, Xunqueira de Ambía e Baños de Molgas) e Avia (Ribadavia, Beade, Leiro e Cenlle) así como nas Gándaras de Budiño, na bacía do río Louro, en Pontevedra (O Porriño, Tui e Salceda de Caselas).

 Na Coruña os estudos levaranse a cabo no Parque Natural complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán e completaranse en áreas de Ourense nas que recentemente se detectou a presenza de sapoconcho común: os concellos de Allariz, Baños de Molgas, O Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz, San Cibrao das Viñas, Taboadela e Xunqueira de Ambía.

 Esta actuación, que está cofinanciada nun 60% con fondos europeos do Programa Galicia Feder 2021-2027, conta cun prazo de execución de cinco meses.

MEDIO AMBIENTE

A Xunta de Galicia destina preto de 250.000 € á instalación de carteis informativos en parques naturais e hábitats da píllara das dunas para protexer a súa biodiversidade 

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural sacou a licitación un contrato para sensibilizar á cidadanía sobre os ecosistemas existentes en catro desas zonas protexidas e outro para advertir da presenza destas aves ou dos seus niños nas áreas nas que están presentes 


Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus)
Foto: Zeynel Cebeci


Infogauda / Galicia 

 A Xunta vai destinar arredor de 250.000 euros á instalación de carteis informativos nos parques naturais da comunidade e nos hábitats nos que se atopa a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) coa finalidade de concienciar á cidadanía sobre a importancia do coidado destes espazos e de protexer a flora e a fauna existentes na contorna.

 Estas accións de sensibilización poranse en práctica unha vez adxudicados os dous contratos, que foron licitados recentemente pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural e publicados na plataforma de Contratos de Galicia. 

 O primeiro deles está dirixido á elaboración de contidos, deseño e colocación de sinais exteriores que contribúan á concienciación da cidadanía sobre o patrimonio natural e a biodiversidade existente na contorna de catro dos espazos protexidos de Galicia recoñecidos coa categoría de Parque Natural: Baixa Limia-Serra do Xurés, Fragas do Eume, Invernadeiro e Serra da Enciña da Lastra. De feito, o contrato repártese en catro lotes, correspondéndose cada un deles cun deses catro parques naturais. 

 A licitación, que conta cun orzamento de máis de 125.000 euros cofinanciados co Programa Galicia Feder 2021-2027, busca poñer os medios para que os visitantes destes espazos accedan á información sobre os valores naturais destas áreas e os seus obxectivos de conservación. 

 Para iso empregaranse distintos elementos como tótems, paneis informativos, sinais de estrada, báculos e balizas que as empresas adxudicatarias deberán transportar e colocar na súa localización definitiva.

Protección de aves 

 O segundo contrato, relacionado coa píllara das dunas e ao abeiro do proxecto interrexional europeo Iberalex, ten como finalidade a subministración tanto de carteis permanentes como temporais nas praias e zonas húmidas nas que habita ou nidifica esta especie co obxectivo de informar á cidadanía da súa presenza e mellorar a conservación das súas poboacións. 

 O orzamento desta licitación -distribuída en dous lotes e cofinanciada con Fondos do Programa EP-Interreg VI A España-Portugal (Poctep) 2021-2027- supera os 120.000 euros. O primeiro dos lotes é para a subministración de 60 carteis de carácter permanente para a súa entrega e instalación nos areais dos distintos concellos das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra que teñen presenza desta especie. 

 O segundo lote céntrase na elaboración de algo máis de 200 carteis temporais para a súa entrega ao Centro de Recepción de Visitantes Casa da Costa do Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán para a súa distribución polas zonas de nidificación da especie.