19 de ago. de 2024

TUI

Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia  

Abel Losada subliña en Tui o compromiso do Goberno por facer chegar a todos os concellos da provincia os investimentos do Plan de Recuperación  

O subdelegado supervisa a execución dos traballos de rehabilitación do novo edificio multiusos municipal   

A intervención está financiada ao abeiro do Pirep Local  


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, supervisou en Tui, xunto co alcalde, Enrique Cabaleiro, as obras de rehabilitación do novo espazo multiusos municipal
Foto: S. de G.

Infogauda / Tui 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, supervisou en Tui, xunto co alcalde, Enrique Cabaleiro, as obras de rehabilitación do novo espazo multiusos municipal, situado na rúa Camilo José Cela. A actuación é financiada con 793.725 euros do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos de entidades locais (Pirep Local) impulsado polo Ministerio de Transportes ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Losada valorou esta actuación como exemplo do compromiso do Goberno de Pedro Sánchez para facer chegar os fondos europeos a todos os concellos para aumentar servizos e mellorar a calidade de vida da xente.  

 O investimento, que supera os 900 mil euros, permitirá mellorar a envolvente do edificio, así como o interior, que contará con todos os protocolos de eficiencia enerxética, co obxectivo de convertelo nun espazo multiusos moderno e sostible, de máis de 400 metros cadrados. O subdelegado salientou “o avanzado estado dunha obra que permitirá dinamizar a vida dun Concello que é exemplo do bo aproveitamento dos recursos do Plan de Recuperación para mellorar a vida de todos os seus habitantes”. 

 Neste sentido, o subdelegado lembrou que este programa tamén outorgou 772.000 euros para a rehabilitación do Teatro Principal desta localidade.  

 Durante a visita, o subdelegado destacou que nos últimos anos Tui recibiu fondos europeos para dinamizar o seu turismo, o comercio e o patrimonio, entre outros, “como exemplo da aposta decidida do Goberno por facer chegar os fondos do Plan de Recuperación a todos e cada un dos municipios de Pontevedra, co obxectivo de mellorar a vida de todas e todos os pontevedreses, sen deixar a ninguén atrás”.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario