Pontón propón aumentar o investimento en I+D+i até o 2,5% do PIB e un plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial
• Defende a posta en marcha dun gran pacto pola ciencia con todos os sectores implicados: administración, universidade e tecido empresarial
• Avoga por unha tarifa eléctrica galega para que as empresas se beneficien da riqueza enerxética do País e melloren a súa competitividade
• Visita a empresa CEAMSA, na que exemplifica a capacidade que ten Galiza para producir e exportar ao resto do mundo desde a innovación
Infogauda / O Porriño
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo dende O Porriño a posta en marcha dun plan de fomento tecnolóxico e industrial que permita a Galiza incrementar o peso da industria ate o 25% nos próximos oito anos e acadar un gran pacto pola ciencia que sitúe o investimento en I+D+i no 2,5% do PIB.
Así o avanzou logo de visitar no polígono porriñés das Gándaras as instalacións de CEAMSA, empresa cunha ampla carteira de produtos que distribúe por todo o mundo, con usos moi diversos que van desde a alimentación, ao farmacéutico ou ao cosmético, e na que exemplificou a capacidade que ten Galiza para “poder producir, poder innovar e desde aquí exportar a todo o mundo”.
A portavoz nacional agradeceu ao presidente da compañía, Íñigo Alzueta, e a todo o seu equipo, unha visita que enmarcou na rolda de contactos que o BNG está a desenvolver para coñecer de primeira man as necesidades do tecido económico do País.
Neste sentido, subliñou a clara aposta do Bloque por acadar un maior peso industrial na economía galega, “con empresas innovadoras e sostibles que permitan darlle un futuro mellor aos galegos e ás galegas”, apuntou.
Con este obxectivo, debullou algunhas das propostas da formación nacionalista, a comezar pola posta en marcha dun plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial para conseguir que a industria represente o 25% nun horizonte temporal de oito anos.
“É un obxectivo irrenunciable que en Galiza gañemos músculo industrial”, recalcou, para apostar a continuación “pola creación de emprego de calidade, o impulso de empresas e industrias innovadoras que teñan na tecnoloxía e no desenvolvemento a súa base” para transformar en riqueza todo o potencial que hai no país.
A segunda proposta do BNG pasa por impulsar un gran pacto galego pola ciencia que permita incrementar o investimento en I+D+i até o 2,5% do PIB, un reto que cualificou de “fundamental”, dado que agora se sitúa arredor do 1%, a metade do que invisten os países europeos.
En terceiro lugar, Pontón defendeu tamén a necesidade de crear o INNOGAL, unha entidade similar ás que funcionan con éxito en Euskadi (Ikerbasque) e Catalunya (ICREA), co obxectivo de facer da ciencia un factor estratéxico para o desenvolvemento de Galiza.
“Unha potente ferramenta de captación e de retención de talento e que sirva ao mesmo tempo como revulsivo no ámbito económico á hora de que as nosas empresas aposten máis pola innovación, a ciencia e o desenvolvemento tecnolóxico, que nos parece que son piares claves para o futuro do noso País”, afondou.
Por último, a líder nacionalista tamén avogou por que a enerxía se converta nun factor de mellora da competitividade, para o que considerou necesario poñela ao servizo de PEMES e industrias, ademais do das familias. Por iso, incidiu na proposta do BNG de impulsar unha tarifa eléctrica galega que permita abaratar o recibo da luz tanto a nivel doméstico como empresarial e industrial, compensando a Galiza polos custos ambientais e sociais de ser zona produtora e exportadora de enerxía.
“Unha rebaixa da factura da luz é un elemento moi potente de mellora da competitividade das nosas empresas e tamén un elemento moi potente á hora de atraer empresas e que Galiza poida gañar ese músculo industrial que nos fai falta para ser un país con futuro”, concluíu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario