15 de dec. de 2024

A GUARDA

A BEGONTE, LEMBRANDO AO P. LUIS LÓPEZ CASTELO


Membros da comunidade parroquial de A Guarda, no cemiterio de Santa María de Castro, no concello de Begonte (Lugo), no acto de lembranza ao P. Luis López Castelo

Fotos: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Organizado polo párroco da Asunción de Santa María de A Guarda, don Juan José González Estévez, onte sábado 14 de decembro de 2024, unha representación da comunidade cristiá de A Guarda desprazouse ata o concello de Begonte - situado na parte occidental da provincia de Lugo -, pertencente a comarca da Terra Chá.

 Nesa viaxe en homenaxe póstuma ao P. Luís López Castelo (Castro (Begonte), 10 de xaneiro de 1948 - Caldas de Reis, 21 de outubro de 2024), participaron fregueses de A Guarda, en xeral, así como persoas que forman parte de varias asociacións culturais e parroquiais, motivo polo que foron necesarios dous autocares.

 De acordo co previsto na programación da viaxe, logo dunha breve parada na Cañiza, o punto de chegada foi no concello de Begonte para presenciar a beleza do seu belén electrónico - promovido polo párroco don José Domínguez Guizán; coa colaboración de José Rodríguez Varela (Joselín), que proxectou e montou o belén; Dionisio Varela Barro, que se ocupou con toda a parte eléctrica da montaxe e coordinación do belén; e a colaboración  de persoas como o carpinteiro Rafael Cereijo - entre outras - as cales fixeron posible que en decembro de 1972, nacese o Belén electrónico de Begonte.

 Houbo - e hai - tamén outras persoas vencelladas directamente ao Belén electrónico de Begonte, como José Antonio Abelleira. A relación é ampla, e non é preciso ser exhaustivos. En todo caso, non podemos esquecer que a obra de don José de Begonte - como se refiren os begonteños ao alma mater do Belén electrónico -, extendeuse mesmo a poesía, de tal xeito que o poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro - a quen tivemos a sorte de telo como destacado e ilustre veciño da vila de A Guarda  - gañou o Premio Begonte de Poesía, no Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal. 

 Actualmente, son Carlos Torres Llamas, Jesús Veiga Sangiao (Sito) e Ramiro Cruz Gómez, as persoas que desde mediados de outubro pasado levan traballando, revisando a instalación, incorporando figuras e reestruturando a situación de outras para que no Belén desta tempada e no Museo do Belén se aprecien importantes cambios.


Vista parcial do Belén electrónico de Begonte

 No Belén electrónico de Begonte, as máis de 40.000 persoas que o visitan cada ano, atoparán a beleza da humildade e o misterio do Nacemento de Xesús, fillo de María e Xosé, nun humilde portal, que neste caso está ubicado na representación dun pobo do rural galego, onde a vida xira no labor cotián dos seus poboadores: os arrieiros, as lavandeiras, os pastores, a xente do agro, os serranchíns,... 

 Logo da visita - en dous turnos - a representación da comunidade parroquial de A Guarda, trasladouse ata a igrexa parroquial - de estilo neogótico, do século XIX - de Santa María de Castro, levantada en plena acrópole dun castro, do cal se conservan uns parapetos orientados deica un arroio que pasa a uns 500 metros ao norte. No atrio da igrexa lles agardaban familiares do P. Luis, así como o párroco Rvdo. Ángel Vigo Blanco e persoas veciñas da parroquia de Castro

 A continuación deu comezo unha misa que foi oficiada por don Juan José González Estévez.

 A eucaristía comezou cunhas verbas do párroco da Asunción de Santa María de A Guarda, explicando o motivo da presenza das persoas procedentes da nosa localidade, que fundamentalmente era tributar unha sinxela homenaxe de gratitude ao P. Luis López Castelo, sacerdote somasco que deixou entre as persoas que tivemos oportunidade de coñecelo e tratalo, unha grata lembranza pola súa dispoñibilidade e cercanía. Valores, entre outros, que foron oportunamente relembrados por don Juan José González Estévez durante a homilía. 

 Durante o momento da comuñón, a cantautora María José Baz Martínez - co acompañamento da súa guitarra -, interpretou "Dime Señor", do grupo Mocedades.

 Antes de rematar a celebración eucarística, o párroco de A Guarda, agradeceulle a don Ángel Vigo Blanco, súa colaboración para levala a bo termo, respostándolle o párroco de Santa María de Castro, que estamos eiquí para colaborar uns cos outros.

 A continuación a delegación da comunidade parroquial de A Guarda desprazouse ata o cemiterio de Santa María de Castro, onde lles agardaban familiares do P. Luís López Castelo e persoas veciñas.

 Logo dunha breve intervención de don Juan José González Estévez, e unha oración comunitaria, nas inmediacións do nicho onde xacen os restos mortais do P. Luís López - preto dos de seus pais -, a cantautora María José Baz interpretou coa súa guitarra "Hallelujah", de Leonard Cohen. 

 Finalmente varias persoas de A Guarda efectuaron unha ofrenda floral.

 Foron uns momentos de visible emotividade, tanto para á familia do P. Luis como para as persoas que desde a nosa vila se desprazaron ata súa terra natal.

 Logo da despedida, a representación de persoas de A Guarda, foron ata o restaurante Terra Taberna do Miño, de Lugo, para o xantar, e unha vez rematado este, sairon ata a capital lucense. Alí camiñaron un treito da muralla romana - decrarada Patrimonio da Humanidade, pola UNESCO, o día 30 de novembro do ano 2000 - que rodea o casco histórico da antiga cidade Lucus Augusti, fundada por Paulo Fabio Máximo en nome do emperador Augusto no ano 13 a. C..  

 En 2015, na aprobación pola Unesco da ampliación do Camiño de Santiago en España a «Camiños de Santiago de Compostela: Camiño francés e Camiños do Norte de España», a muralla de Lugo foi incluída como un dos bens individuais  do camiño primitivo.​

 A continuación, logo dun paseo pola cidade, varias persoas do grupo de A Guarda, visitaron a catedral de Santa María de Lugo, que como parte de «Camiños de Santiago de Compostela: Camiño Francés e Camiños do Norte de España», é Patrimonio da Humanidade pola Unesco desde o ano 2015.   


O párroco da Asunción de Santa María de A Guarda, diante da catedral de Lugo, coa maioría das persoas que participaron na xornada de homenaxe ao P. Luís López Castelo

 No interior da catedral, alguns visitantes de A Guarda, dirixíronse a capela maior da catedral, onde áchase exposto permanentemente o Santísimo Sacramento. Desde tempos inmemoriais, día e noite. Este motivo, representado no escudo de Galicia, converte á catedral lucense nun exemplo único de adoración perpetua a Xesús. 

 Alí tiveron oportunidade de apreciar as fantásticas pinturas de José Terán; descubrir o magnífico retablo de Corniellis de Holanda, colocado nos testeiros do cruceiro: fantástica obra renacentista que representa unha das xoias da escultura do século XVI en Galicia.  

E no mesmo lugar, admirar o fermoso conxunto que forman a capela maior, o transepto e o coro, ademais da girola gótica, onde nun lugar destacado pódese admirar a capela da Virxe dos Ollos Grandes, que representa á Virxe dando o peito ao Neno, e debe o seu nome á grandeza expresiva dos seus ollos.

Cunha visita á capela de San Froilán, patrón da provincia luguesa e da diocese de León, remataría a breve estadía da delegación guardesa, na cidade de Lugo, para a continuación poñer rumbo á Guarda, con parada técnica na Cañiza, e chegada a nosa vila á hora prevista, sen ningún tipo de incidencia. E coa satisfacción de haber adicado unha xornada á lembranza ao P. Luís López Castelo, sacerdote somasco que nalgunha ocasión había vaticinado: "Un día hei de levarvos a visitar o Belén de Begonte". Foi toda unha premonición.

Ningún comentario:

Publicar un comentario