Sinfonía de colaboración no concerto de clausura das Xornadas Instrumentais da Eurocidade da Foz do Miño
• As tres bandas de música da Eurocidade únense nun grande espectáculo transfronteirizo final este sábado 21 en Caminha
A melodía da cooperación transfronteiriza cruzará esta fin de semana o río Miño para poñer o broche de ouro ás Xornadas Instrumentais da Eurocidade da Foz do Miño. O pavillón municipal Fernando Lima, de Caminha, collerá este sábado 21 de decembro, ás 18.00 h (hora galega) o concerto de clausura destas xornadas gratuítas nas que residentes, alumnado de cursos musicais ou membros de conservatorios, academias e bandas de música dos concellos do Rosal, A Guarda e Caminha puideron aprender directamente de profesionais de renome.
Ao abeiro do proxecto REDE_GOV_MINHO, este grande espectáculo de balde reunirá sobre o escenario ás tres bandas de música da Eurocidade: a Agrupación Musical do Rosal, a Agrupación Musical de A Guarda e a Sociedade Musical Banda Lanhelense. O concerto porá o broche final a un programa formativo que dende novembro reuniron a 80 alumnos e alumnas en sete clases maxistrais de diferentes especialidades (trompa, óboe, bombardino-tuba, trompeta, clarinete, saxofón e dirección) nas que as e os participantes tiveron a oportunidade de mellorar as súas competencias instrumentais a través de obradoiros especializados e sesións formativas impartidas por recoñecidos profesionais. Unha aprendizaxe que puxeron enriba do escenario nun concerto de demostración pública celebrado no que o alumnado de dirección xunto cos músicos e músicas participantes presentaron os progresos acadados ao longo do proxecto.
Agora celébrase un gran concerto final no que a participación das bandas de música dos tres municipios resalta o traballo conxunto na promoción da cultura e do talento musical da Eurocidade da Foz do Miño, “unha oportunidade única para desfrutar da música en directo e celebrar os vínculos culturais que nos unen”. “Estas xornadas foron unha oportunidade excepcional para que a veciñanza aprendera da man de profesionais de renome pero, sobre todo, foron unha oportunidade para seguir estreitando os nosos lazos e fortalecendo o tecido cultural da nosa Eurocidade, dando pulo aos novos talentos e situando á rexión como referente musical”, sinalou a alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández Callís.
O concerto de clausura será moito máis que unha exhibición musical, xa que simbolizará tamén a celebración da unión cultural e da cooperación tranfronteiriza entre os tres concellos da futura Eurocidade. A entrada será libre e gratuíta e convídase a toda a veciñanza a gozar deste encontro musical tan especial e único.
Ningún comentario:
Publicar un comentario