Da tradición á innovación coa carpintaría Joyla da man da Medida Leader
• A presidenta de Galicia Suroeste e o alcalde do Porriño visitaron a empresa tras asobras de modernización e equipamento subvencionadas con fondos europeos
• Unha axuda de 33.000 euros, o 45% do investimento, que permitiu a consolidación e creación de 20 postos de traballo
Infogauda / O Porriño
A innovación tecnolóxica ten raíces firmes no Porriño. A carpintaría Joyla, con máis de dúas décadas de experiencia, acaba de dar un salto cualitativo coa modernización e actualización do seu equipamento, unhas obras de mellora financiadas a través de Galicia Suroeste no marco das axudas da Medida Leader para proxectos produtivos na convocatoria 2023-2024.
A presidenta do grupo de desenvolvemento rural, Sandra González, e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitaron este xoves as renovadas instalacións da carpintaría para coñecer de primeira man o impacto desta modernización e destacar a relevancia dos proxectos financiados pola Medida Leader para o tecido produtivo e social do territorio. Cunha axuda do Leader de 33.000 euros, o 45% do investimento total das obras, permitiuse consolidar 16,5 postos de traballo e crear tres novos contratos indefinidos a xornada completa.
Sandra González subliñou o impacto positivo deste proxecto no tecido produtivo local. “Este tipo de iniciativas demostran o que significa apostar polo noso rural: crecemento económico, estabilidade laboral e excelencia nos produtos. A aposta firme de Galicia Suroeste e a Medida Leader pola excelencia e a competitividade garante que o tecido empresarial do territorio continúe medrando e fortalecendo o noso rural”, destacou a presidenta.
Pola súa banda, o alcalde porriñés destacou o orgullo que supón para o municipio ver como empresas locais apostan por quedarse no rural e contribuír ao seu desenvolvemento económico e social. “Proxectos como este demostran que o rural non só é unha opción viable, senón que tamén é un lugar de oportunidades. Joyla é un exemplo de como reinventarse, apostar pola modernización e investir en innovación pode ser a clave para continuar crecendo e consolidarse como referente no sector tanto a nivel nacional como internacional”, resaltou Lorenzo.
O proxecto consistiu na adquisición dunha cabina de presurización que permite captar, aspirar, filtrar e secar as pinturas e lacas dos diferentes procesos de recubrimento. Un espazo pechado que mantén illado o proceso de pintado, evitando a entrada de po e a contaminación do exterior. Un novo equipamento que permite mellorar os acabados no recubrimento das pezas ao tempo que se melloran as condicións de seguridade e hixiene do equipo humano, un valor engadido para a empresa.
Con estas incorporacións, Joyla elimina procesos manuais que supoñía un sobrecusto económico e de tempo e camiña cara á tecnificación para aumentar a competitividade, eficiencia e eficacia e reforzar o seu posicionamento como referente no sector, integrando tradición, modernidade e un profundo compromiso coa satisfacción dos seus clientes e co tecido económico local.
Ningún comentario:
Publicar un comentario