18 de dec. de 2024

CULTURA MARÍTIMA

Presentación da estratexia autonómica ao Galp Ría de Vigo- A Guarda  

 Alfonso Villares resalta o papel dos GALP no desenvolvemento e execución do ‘Plan da Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030’ 

 O documento impulsado pola Consellería do Mar repasa os oficios e bens materiais e inmateriais ligados ao mar e propón cen medidas para preservalos ademais de enxalzar os espazos singulares da cultura mariñeira


O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presentou este mércores o Plan de Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030 (PCUMA) ao GALP Ría de Vigo-A Guarda no Museo do Mar de Vigo

Infogauda / Vigo 

 O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presentou este mércores, no Museo do Mar de Vigo, o Plan de Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030 (PCUMA) ao GALP Ría de Vigo-A Guarda, co obxectivo de trasladar aos seus responsables o cento de medidas que recolle o documento destinadas a preservar o patrimonio marítimo. O responsable autonómico puxo en valor que trátase dunha iniciativa que ten por obxectivo por en valor os recursos materiais e inmateriais do mundo do mar na comunidade, e no que os GALP están chamados a ter un papel destacado no desenvolvemento e execución desta estratexia autonómica. 

 O titular de Mar sinalou que o PCUMA é único e pioneiro tanto a nivel nacional como internacional e ten como misión promover proxectos que contribúan a recuperar e salvagardar o legado marítimo da comunidade. Así, constitúe unha auténtica folla de ruta que xurde froito dun intenso traballo e de consultas a persoas e entidades de todo o litoral, o que permitiu realizar unha profunda análise da diversidade de bens inmobles, mobles e patrimonio inmaterial existente, unha tarefa imprescindible para abordar a súa conservación. 

100 medidas 

 O Plan recolle un cento de medidas a aplicar ata o ano 2030 e coa finalidade de impulsar a súa posta en marcha o Goberno galego optou por implicar ao conxunto da sociedade e administracións competentes e, especialmente, aos GALP pola súa labor pegada ao terreo. O documento fai unha radiografía da demografía litoral de Galicia e da súa cadea mar-industria, destacando o ao redor de 40.000 empregos directos que dependen dela, así como os múltiples oficios vinculados ás actividades marítimas, tanto do pasado como do presente. 

 Tamén aborda a variedade de bens inmobles, bens mobles e patrimonio inmaterial existentes en Galicia. Entres as construcións están os estaleiros e carpintarías de ribeira, fábricas de conserva e de salgado, casetas de pescadores e lavadoiros de redes, vivendas mariñeiras, embarcadoiros, faros, lonxas, cemiterios, ermidas ou santuarios e outros restos arqueolóxicos.  

 Nos bens mobles, destacan as artes de pesca, as ferramentas empregadas por distintos profesionais do mar, útiles de cestaría, vestimenta e calzado, partes de barcos afundidos e embarcacións tradicionais. No patrimonio inmaterial inclúense as festas, a tradición oral e o folclore, a través de adiviñanzas, cancións, contos, lendas ou léxico mariños, ademais da cociña mariñeira, as mostras de arte, a iconografía, os museos ou os propios oficios do mar.  

 O documento analiza tamén as fortalezas, oportunidades, debilidades e ameazas para o patrimonio marítimo de Galicia e destaca, entre outras cuestións positivas, a existencia do abundante patrimonio somerxido, de artes de pesca tradicionais sostibles, dun gran número de museos do mar e de oficios tradicionais que aínda persisten. 

8 GALPs en Galicia 

 Os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro actúan sobre un territorio onde se asenta máis da metade da poboación de Galicia (o 55%) e promoveron entre 2016 e 2022 máis de setecentos proxectos que mobilizaron 80 millóns de euros de investimento público-privado, que se multiplicaron para dinamizar a economía galega cun impacto superior aos 215 millóns de euros e a xeración directa ou indirecta de máis de 4.500 empregos. Así, ao abeiro das axudas convocadas este ano foron aprobados 133 proxectos que mobilizaran 20,9 millóns de euros que servirán para afondar no impulso económico e social das comunidades costeiras.  

 O GALP Ría de Vigo- A Guarda aglutina a 40 entidades sociais, das que máis do 27% pertencen ao sector pesqueiro. Inclúe a 11 concellos, que son: Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal, e A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario