A CIG insta as Administracións a controlar o abuso de ERTE e de contratación fraudulenta a través de ETT na automoción
• Delegados/as do sector mobilizáronse diante da delegación da Xunta en Vigo
A CIG-Industria realizou hoxe unha mobilización diante da delegación da Xunta en Vigo, coa participación de delegados/as da CIG na industria do automóbil das comarcas de Vigo, Pontevedra e Ourense
Foto:CIG
Infogauda / Vigo
A CIG-Industria insta as Administracións públicas a exercer os controis necesarios para rematar co abuso de ERTE e de contratación fraudulenta a través de empresas de traballo temporal no sector galego da automoción. De xeito que a central dirixirase tanto á Consellaría de Emprego como á Inspección de Traballo para solicitarlles xuntanzas nas que abordar estas problemáticas que están a padecer os cadros de persoal na actualidade.
O anuncio foi feito polo secretario nacional da federación, Xoán Xosé Bouzas, ao remate da mobilización desenvolvida hoxe diante da delegación da Xunta en Vigo por delegados/as da CIG na industria do automóbil das comarcas de Vigo, Pontevedra e Ourense para denunciar que este tipo de prácticas están a afondar na precarización das condicións laborais no sector e impiden a conciliación da vida laboral e familiar. Estas e outras cuestións foron abordadas previamente nunha asemblea celebrada no local do sindicato na cidade.
“Nos próximos días rexistraremos as peticións para manter estas reunións a nivel galego co propio conselleiro e cos responsábeis da autoridade laboral para reclamarlles que fagan seguimento exhaustivo de todos os ERTE que se están a aplicar no sector, porque consideramos que son abusivos e non están xustificados”, sinalou Bouzas. Ademais dos ERTE a central trasladará outra problemática que se está a estender o sector, como son os contratos fraudulentos mediante ETT e o abuso das horas extras.
“Nestes momentos algunhas empresas xa anunciaron ERTE de até 100 días, o que significa que moitas persoas traballadoras van pasar a metade da súa xornada anual (de arredor de 210 días) en ERTE”. Uns ERTE que “non están xustificados” e que as compañías auxiliares utilizan como ferramenta de flexibilidade laboral “imposta por Stellantis”.
Outra das reivindicacións da CIG para o sector é rematar coa contratación fraudulenta a través de ETT, “xa que se están a cubrir como norma ducias de postos fixos nas empresas mediante persoal eventual”.
O secretario nacional da CIG-Industria tamén incidiu na responsabilidade da Xunta en todo o que está a acontecer no sector como consecuencia da falta dunha política industrial de país. “O último exemplo témolo na recente visita do presidente Rueda á planta viguesa de Stellantis para mendigar que lle digan cales son os plans da empresa, cando debera ser ao revés: el tería que convocar a dirección da empresa para trasladarlle o plan da Administración autonómica para garantir o futuro da automoción”.
Bouzas criticou que as únicas declaracións do presidente galego tras o encontro cos responsábeis de Stellantis se limitasen a gabar a “competitividade” da empresa e a anunciar novas axudas millonarias “cando nada se sabe aínda dos proxectos que ten pensado levar a cabo en Vigo e xa se confirmou que a megaplanta de baterías vai para Zaragoza”.
Finalmente, o responsábel sindical fixo mención á Lei de Industria estatal que vén de ser aprobada, que obriga as empresas a devolver as subvencións unicamente se deslocalizan fóra da ‘zona euro’ pero non vincula estas axudas ao mantemento dos empregos. Ao tempo que non contempla nin unha soa liña de actuación para consolidar e ampliar o papel principal do sector público ante as ameazas que enfronta a industria, nomeadamente a da automoción.
Ningún comentario:
Publicar un comentario