A Deputación de Pontevedra homenaxeará o movemento veciñal do Baixo Miño cun encontro este sábado en Tomiño
• Será no marco do programa +Convivir, e terá lugar no Multiusos de Sobrada a partir das 16:30 horas
Infogauda / Tomiño
A Deputación de Pontevedra vai celebrar este sábado 23 de novembro en Tomiño unha nova xornada de convivencia con máis de 400 persoas do movemento veciñal da vila e do conxunto do Baixo Miño. Será no marco do programa +Convivir, e terá lugar no Multiusos de Sobrada a partir das 16:30 horas. Nestes eventos, unha serie de xornadas lúdicas e formativas dirixidas ao movemento veciñal, a Deputación está a pór en valor como se constrúe a provincia de Pontevedra “xuntos e entre todos”.
A xornada de +Convivir en Tomiño comezará coa intervención do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López. Ao longo da tarde terá lugar unha charla sobre os beneficios da auga e xeitos de empregar responsablemente este recurso, da man da asociación de traídas de auga rurais COXAPO, así como outra charla formativa sobre o alzhéimer a cargo da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias de Galicia (AFAGA). A elas seguiralle un obradoiro de risoterapia e outro de ximnasia de mantemento. Para finalizar, as actividades irán seguidas dun viño galego para todos os participantes amenizado por unha actuación musical.
A través de +Convivir a Deputación de Pontevedra amosa as súas sinerxías co movemento veciñal para dinamizar a provincia de Pontevedra. A de Tomiño é a sexta parada desta iniciativa, tralas xuntanzas celebradas o 13 de setembro en Poio, o 28 de setembro en Cambados, o 26 de outubro en Cuntis, o 10 de novembro na Estrada e o 16 de novembro en Mos, con máis de medio milleiro de persoas en cada cita.
Ningún comentario:
Publicar un comentario