Tomiño continúa implementando o seu plan de renovación da iluminación pública
• Cun sistema de telexestión que permite coñecer as incidencias en tempo real e aforrar miles de euros
• O aforro conseguido só no 2024 rolda os 500.000 kWh, o que significa en termos económicos máis de 70.000 euros, ademais dunha redución de 250 toneladas de CO2 liberadas á atmosfera
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño continúa implementando melloras de forma permanente dentro do programa de eficiencia e aforro enerxético posto en marcha hai varios anos.
Dentro das liñas principais da xestión enerxética levada a cabo, figuran a creación do inventario de todas as instalacións consumidoras de enerxía eléctrica; a implantación dun sistema de xestión enerxética municipal; a optimización de tarifas e potencias contratadas; a licitación en aberto da subministración de electricidade, e actuacións para mellorar a eficiencia dalgunhas instalacións ou servizos municipais con enerxía fotovoltaica, tramitándose as correspondentes subvencións de diferentes organismos, como o INEGA, IDAE, Deputación de Pontevedra, etc. A estas medidas hai que sumar a instalación de dous puntos de recarga para vehículos eléctricos en Tomiño e Goián, e a adhesión ao Pacto das Alcaldías.
No ano 2024, concretamente, renováronse uns 2000 puntos de luz da iluminación pública, instalándose ademais 36 cadros de mando novos, todos eles con sistema de telexestión e logrando unha clasificación “A” dentro do Reglamento de eficiencia enerxética en instalacións de iluminación exterior.
Outra particularidade das luminarias, con garantía de 10 anos, é que reducen automaticamente a súa potencia nas horas de menor uso da vía pública, e están reguladas para reducir un 50% do fluxo de luz, cun importante aforro económico e eliminando a contaminación lumínica nas horas centrais da noite.
“Con todas estas medidas, o aforro conseguido só no último ano, rolda os 500.000 kWh, o que significa ademais unha redución dunhas 250 toneladas de CO2, liberadas á atmosfera, contribuíndo así á mellora do medio ambiente e, en termos económicos, máis de 70.000 euros aforrados”, explica o concelleiro de Eficiencia Enerxética, Lois Vázquez.
Adhesión ao Pacto das Alcaldías
Por outra banda, traballouse no Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable, para cumprir os compromisos adquiridos polo Concello coa adhesión ao Pacto das Alcaldías. No devandito documento tomáronse unha serie de medidas para alcanzar no ano 2030 o obxectivo de reducir un 40% as emisións de CO2 do municipio. Ademais realizouse un estudo sobre a vulnerabilidade do concello ao cambio climático, atopando os puntos máis prexudicados e tomando medidas de adaptación para diminuír as vulnerabilidades atopadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario