8 de xan. de 2025

O ROSAL

O Rosal abre as portas á memoria coa exposición ‘Voces e raíces’  

•  A mostra, posta en marcha polas estudantes de Belas Artes, Sara Cividanes, Yaiza Vila e Nayade Castro, inaugurarase este sábado 11 no salón de exposicións do Concello  

•  Contará cunha presentación amenizada cunha actuación musical e unha mesa redonda sobre memoria histórica con Silverio Rivas, Bieito Alonso, Helena Pousa e Moncho Leal   




Infogauda / O Rosal  

 Mergullarse na memoria para ollar ao pasado e ao futuro. Con ese obxectivo nace ‘Voces e raíces’, unha mostra artística que chega esta fin de semana ao Rosal da man de tres novas creadoras: a rosaleira Sara Cividanes, a tomiñesa Yaiza Vila e a vasca Nayade Castro. As tres estudantes de Belas Artes na Universidade de Vigo fan a súa primeira incursión no mundo artístico cunha exposición colectiva que poderá visitarse de balde os días 11, 12, 18 e 19 de xaneiro e que acollerá ademais outras actividades paralelas. 

 A mostra inaugurarase este sábado día 11, ás 16.30 horas cunha presentación do proxecto que estará amenizada pola frautista Ana Domínguez e a pianista Viktoriia-Nadiia Salo. A actividade continuará ás 17.30 horas cunha mesa redonda sobre memoria histórica na que participarán Silverio Rivas, Bieito Alonso, Helena Pousa e Moncho Leal, que acompañarán ao público nunha reflexión colectiva sobre o valor da memoria.  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou a relevancia desta iniciativa. “Esta exposición é un exemplo de como a mocidade pode liderar proxectos que nos fan pensar, que nos conectan coas nosas raíces e que, ao mesmo tempo, nos empuxan cara ao futuro. Para O Rosal é un orgullo poder ser punto de encontro entre arte e memoria”, salientou.  

 ‘Voces e raíces’ recolle o traballo de 14 artistas que a través de obras pictóricas, fotografías, creacións audiovisuais ou fancines afondan sobre a memoria como concepto, combinando perspectivas íntimas e colectivas. Deste xeito, o público poderá ver a obra de Ada Pérez, Ana Llegue, Antía Rodríguez, Carlota Montes, Carolina Ferro, Chuvia Lago, Claudio Sanemeterio, Lucía Ladero, Lucía Rodríguez, María Dueñas, Marta Díaz, Mónica Pérez, Raquel Rodríguez e a propia Nayade Castro.  

 Tras a súa inauguración este sábado día 11, a mostra poderá visitarse tamén os días 12, 18 e 19 de xaneiro de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas. Dende o Concello anímase a toda a veciñanza a asistir á inauguración e a descubrir unha exposición que promete facer pensar e reflexionar. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario