A Guarda presume de deportistas neste comezo de 2025
Redacción Deportes / A Guarda
O 2024 rematou ao grande para as nadadoras Rosalía Soler, do Club Natación Galaico, e Paula Baz, do Real Club Náutico Vigo. Ambas as dúas conseguiron moi bos resultados no Campionato Galego Absoluto de Inverno de Natación, celebrado do 27 ao 29 de decembro, en Santiago de Compostela.
Paula acadou mellores marcas persoais en 50 braza e 50 libres. Ademais, participou no 200 libres e no 100 braza de xeito individual e colaborou no 4x50, 4x100 e 4x200 libre, así como 4x50 e 4x100 estilos, nas postas de braza e crol respectivamente.
Rosalía Soler rematou con tres ouros por relevos no 4x100 libre, no 4x50 libre con récord no campionato e no 4x50 estilos con novo récord galego absoluto. Tamén trouxo para casa tres pratas: 4x100 estilos (posta de costas), 100 costas e 100 bolboretas, estas dúas últimas coa súa mellor marca persoal. Para rematar esta fazaña, acadou o bronce no 50 costas e o cuarto posto no 50 bolboreta.
En Santiago de Compostela, tamén estaban as xogadoras de balonmán Carmen Magallanes, Daniela Álvarez e Ángela Martínez. As tres asistiron o domingo 29 de decembro á gala da Federación Galega de Balonmán para a presentación das seleccións galegas.
Agora as xogadoras xa están en Barcelona, a horas de estrearse no Campionato de España de Seleccións Autonómicas, que se celebrará do 3 ao 8 de xaneiro.
Daniela e Ángela arrancan a súa participación mañá venres, ás 11:15 coa selección infantil que se enfrontará a Canarias; pouco despois, ás 13:00h, Carmen xogará co equipo xuvenil o partido contra Euskadi.
E no atletismo, os irmáns Christian e Álex Sierpes dan o salto á era profesional nesta tempada 2025 coa fichaxe polo club Vicky Foods Athletics, o equipo de elite de Isaac Viciosa en Valladolid.
Parabéns a todas e todos por este comezo de ano!
Agardamos escoitar falar dos vosos éxitos neste 2025.
Ningún comentario:
Publicar un comentario