9 de xan. de 2025

O BAIXO MIÑO

Rueda anuncia a licitación dun novo treito da autovía Tui-A Guarda, no que se investirán máis de 17 M€ 

•  Salienta que se trata do treito entre o enlace do polígono de Areas en Tui e a PO-350 xa en Tomiño, co inicio das obras previsto para mediados de 2025 


O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, anunciou hoxe a licitación do novo treito da autovía AG-42 Tui-A Guarda, que conectará o enlace de Areas coa PO-350, entre os concellos de Tui e Tomiño

Foto: X.G.

Infogauda / Tui

 O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a licitación do novo treito da autovía AG-42 Tui-A Guarda, que conectará o enlace de Areas coa PO-350, entre os concellos de Tui e Tomiño. Este proxecto, “absolutamente fundamental”, tal e como indicou, para o Baixo Miño e o sur de Galicia, contará cun investimento de máis de 17 millóns de euros e un prazo de execución de 24 meses, estando previsto o inicio das obras para mediados de 2025.  

 Durante o acto, Rueda, que estivo acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou que esta infraestrutura é unha mostra do compromiso da Xunta co desenvolvemento das comunicacións e a mellora da mobilidade na comarca. Así, recordou que en febreiro se puxo en servizo o enlace coa A-55, que incluía a conexión co polígono de Areas. “Hoxe damos un paso máis con esta licitación, que xa está publicada no Perfil do Contratante”, engadiu. 

 O novo treito da autovía, de case 4 quilómetros, contará coas mellores prestacións para garantir a seguridade e a eficiencia no transporte. Rueda subliñou que a AG-42 mellorará significativamente a mobilidade do Baixo Miño, facilitando os desprazamentos tanto de vehículos lixeiros como de transportistas. “E imos seguir ata completar esta infraestrutura, ata enlazar en Goián, e xa estamos facendo os trámites administrativos e orzamentando o necesario para que isto sexa unha realidade”, apuntou, ao mesmo tempo que agradeceu aos concellos implicados a súa colaboración e capacidade de consenso.  

Compromiso coa mobilidade 

 A materialización da autovía implicará un investimento global de 188 millóns de euros, incluíndo os treitos xa en servizo, e forma parte do plan da Xunta para seguir ampliando as vías de altas prestacións libres de peaxe en Galicia. Desde 2009, construíronse 220 quilómetros novos deste tipo de vías, o que representa un incremento do 70%.  

 De feito, Rueda indicou que se seguirá actuando noutros proxecto como o remate da autovía de Santiago-A Estrada, a de Santiago-Noia, a do Salnés e tamén a de Nadela-Sarria, ao tempo que destacou que os orzamentos deste ano recollen “a cantidade máis alta para a conservación de estradas autonómicas”, en referencia aos 68 M€ destinados a tal fin.  

 Así mesmo, destacou a recuperación da concesión de catro autoestradas autonómicas –as do Salnés, Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión– permitindo aforrar ás arcas públicas máis de 340 M€, así como o esforzo da Xunta por manter as bonificacións na AG-55 (Costa da Morte) e na AG-57 (Val Miñor), que seguirán sendo das máis económicas de España, en contraste coas peaxes que o Goberno central continúa incrementando.

Ningún comentario:

Publicar un comentario