27 de set. de 2024

O ROSAL

O Rosal convoca unha nova xornada de voluntariado para coidar a contorna  

 O domingo 6 de outubro realizarase unha acción de limpeza ambiental con saída ás 10.00 h dende As Aceñas  




Infogauda / O Rosal  

 O Rosal segue apostando pola preservación do medio ambiente convocando unha nova xornada de voluntariado de limpeza ambiental. O Concello organizará o vindeiro domingo 6 de outubro unha nova saída que busca concienciar e implicar á veciñanza no coidado da contorna natural. O encontro será ás 10.00 horas nas Aceñas, onde se procederá á recollida de residuos e á mellora do espazo.  

 As persoas interesadas en participar poderán inscribirse ata o xoves 2 de outubro chamando ao teléfono do Concello 986 62 50 00 ou enviando un correo electrónico ao enderezo conserxe@orosal.gal, indicando nome, apelidos e DNI tanto da persoa inscrita como das e dos participantes que acudan á limpeza ambiental baixo a súa responsabilidade.  

 “A protección do noso medio ambiente é unha responsabilidade compartida e xornadas como esta permiten que toda a veciñanza poida achegar o seu gran de area para manter limpa a nosa contorna”, salientou a concelleira de Voluntariado e Medio Ambiente, Beatriz Rodríguez, quen destacou tamén a importancia destas accións para fomentar a conciencia ecolóxica entre á veciñanza rosaleira. 

 As persoas participantes deberán levar luvas, aínda que o Concello proporcionará bolsas e luvas adicionais para quen o precise. A concelleira anima a toda a veciñanza a participar e “facer desta unha xornada de coidado e respecto pola nosa natureza”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario