11 de ago. de 2024

SALCIDOS (A GUARDA)

NOITE DE ESTRELAS E PETRÓGLIFOS  

• O sábado 24 de agosto, ás 20:30 horas, dende a casa da Comunidade de Montes de Salcidos (na Subida ao Torroso)      

   


Ricardo Rodríguez Vicente / Salcidos   

 Logo do éxito acadado na edición precedente, e segundo había adiantado oportunamente; a xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos organiza unha nova actividade, denominada "Noite de estrelas e petróglifos". Será o sábado día 24 de agosto de 2024, con saída ás 20:30 horas, dende a casa da comunidade, sita na Subida ao Torroso.   

 A xeira contará novamente coa participación do arqueólogo Benito Vilas Estévez, membro de Árbore Arqueoloxía Sociedade Cooperativa Galega.    

 A organización recomenda levar lanterna. Asemade, ao ser de noite á actividade a realizar, suxerimos levar roupa e calzado axeitados.   

 O roteiro ata o alto do monte Torroso, é de dificultade media.    

 De darse as condicións atmosféricas axeitadas, ás persoas que participen na "Noite de estrelas e petróglifos" van poder gozar coa observación do firmamento e é posible que tamén das estrelas fugaces. Dese xeito, ainda que as noites de máxima actividade - segundo os expertos - para observar as Perseidas serán o 12 e o 13 de agosto, é moi probable que na noite do 24 - cinco días despois da lúa chea de agosto - ainda continúen as chamadas "Lágrimas de san Lourenzo", meteoros que se perciben visualmente como estrelas fugaces, ainda que se trate de partículas de pó do cometa Swift-Tuttle (chamado formalmente 109P/Swift-Tuttle). 

 Asemade, como desde fai unhas semanas, Venus é visible sobre o horizonte oeste á noitiña, poderemos identificar claramente ese planeta como o punto máis brillante cara ese punto cardinal, inmediatamente despois da posta de Sol.   

 Por outra banda, as persoas participantes van ter oportunidade de "descubrir", da man do experto Benito Vilas, os principais petróglifos (combinacións circulares, coviñas, espirais, ídolo, labirinto, zoomorfos,...) e muiños rupestres do Alto do Torroso, achados ata agora na contorna do castro de Pico da Bandeira.    

 A todo iso hai que engadirlle as vistas panorámicas: esteiro do río Miño, océano Atlántico,...., que se divisan dende o Alto do Torroso.

 A "Noite de estrelas e petróglifos" vai ser, con toda probabilidade, unha grata experiencia para á maioría das persoas participantes. E ademais, un xeito de achegar á cidadanía, a cultura e tradicións de noso. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario