14 de ago. de 2024

PORTO DO SON (A CORUÑA)

Os Bolechas deportistas inauguran a súa  xira “olímpica” en Porto do Son   

A familia visitará unha quincena de concellos galegos nunha caravana itinerante cunha programación chea de xogos e sorteos para os máis cativos  

A estrea terá lugar esta tarde, ás 21.00 horas, na Praza de España. 

 



Rebeca Santomé Seijas / Galicia

 A familia máis famosa entre a cativada galega inaugura a súa xira de verán “Os Bolechas deportistas e a súa Radiolímpica”. É a terceira edición desta iniciativa, durante a cal visitarán unha quincena de concellos galegos co principal obxectivo de fomentar o uso da lingua galega no deporte e os hábitos de vida saudables entre os máis cativos. A  actuación terá lugar hoxe en Porto do Son, ás 21.00 horas, na Praza de España.  

 Nesta nova odisea, os irmáns dan a coñecer diferentes disciplinas deportivas na súa “Radiolímpica”, co gallo da celebración das Olimpíadas en París, e animan ao uso do galego durante a súa práctica viaxando nunha caravana itinerante. Con todo, os Bolechas viaxarán por toda a xeografía galega coas súas aventuras para ensinar as vantaxes de practicar deporte e levar unha vida activa.  

 “Os Bolechas deportistas e a súa Radiolímpica” é un espectáculo ao aire libre que combina o teatro de monicreques con explicacións, preguntas e probas pensadas para que participen nenos e nenas de 4 a 9 anos e as súas familias. Nesta nova proposta, os Bolechas pretenden promover o uso da lingua e cultura galegas, así como dinamizar o ocio en galego a través da aprendizaxe e o lecer. Esta iniciativa enmárcase dentro do FalaRedes, un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.  A través dun teatro de monicreques e outras actividades complementarias a pé de rúa como sorteos de libros, a iniciativa pretende espallar a sabedoría e as ganas de pasalo ben que acompañan a familia, así como fomentar o uso da lingua galega no ámbito deportivo. Os Bolechas Deportistas contribúen a fomentar o idioma galego e a importancia de exercitarse entre as nenas e os nenos para levar unha vida activa.    

Os Bolechas para aprender e divertirse  

 Desde que comezaron a publicarse no ano 2000, Os Bolechas convertéronse nun auténtico fenómeno. Con máis de 600 títulos publicados e máis de 1.800.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa.  

 Este seguimento masivo e continuo durante máis de 22 anos permitiu a toda unha xeración de galegas e galegos achegarse á cultura e á literatura en lingua galega desde os primeiros anos de vida –posto que os Bolechas usan sempre o galego na súa versión orixinal–, o que supuxo un importante papel na promoción e difusión do idioma. Tanto é así que moitos nenos teñen na casa –e sobre todo no colexio– o seu primeiro e máis intenso contacto co galego a través das súas aventuras, todas elas cun destacado contido didáctico e pedagóxico, que contribúe á formación dos escolares de educación infantil e de primaria de Galicia mediante o pracer e o divertimento. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario