A Deputación de Pontevedra outorga á pontevedresa Andrea Davila Rubio a residencia de investigación na Academia de Arte e Deseño de Basilea convocada a través do Museo
O vicepresidente Rafa Domínguez recibiu a artista antes da súa estancia en Suíza, onde a Deputación cubrirá os seus gastos de desprazamento, aloxamento e acceso ao espazo no que se levará a cabo a residencia
Infogauda / Pontevedra
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, recibiu este martes no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a Andrea Davila Rubio, artista pontevedresa seleccionada como beneficiaria da residencia internacional de investigación artística ou curatorial promovida polo Museo que se desenvolverá entre setembro e novembro deste ano na Academia de Arte e Deseño de Basilea (Suíza).
Davila Rubio foi escollida entre as cinco artistas e investigadoras residentes ou nadas na provincia que se presentaron á convocatoria, aberta a persoas comisarias, artistas creadoras ou investigadoras cun nivel alto de inglés. Esta residencia artística materialízase a través do convenio de colaboración asinado coa Academia de Arte e Deseño de Basilea, que ofrece o programa do Instituto Arte Xénero Natureza. Davila Rubio escolleu como lugar de residencia o Atelier Mondial de Suíza.
Alí, a pontevedresa centrarase no seu traballo mentres comparte aspectos da súa práctica profesional cunha comunidade do sector artístico. A Deputación de Pontevedra achegaralle máis de 4.400 euros cos que cubrirá os gastos de desprazamento, de aloxamento e de acceso ao espazo no que se levará a cabo a residencia, ao ámbito artístico de Basilea e aos talleres de produción da cidade suíza.
Andrea Davila Rubio é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, máster en Investigación e Creación en Arte Contemporánea pola Universidade do País Vasco e experta Universitaria en Estudos Culturais, Afectos e Coñecemento Situado pola Universidade Pública de Navarra e a Universidade do País Vasco. Doutoranda na Universidade de Vigo, a súa práctica artística e de investigación céntranse na escultura española contemporánea, con especial interese por cuestións de corporalidade e materialidade. O seu traballo máis recente investiga os posibles mecanismos que podemos activar para manter no tempo un afecto, un proceso ou un xesto corporal, a través do ser vexetal no mundo. En 2020 foi unha das artistas premiadas no certame Novos Valores da Deputación de Pontevedra.
A comisión seleccionadora formárona Chus Martínez, directora do Instituto de Arte Xénero Natureza da Academia de Arte e Deseño de Basilea; Albertine Kopp, directora administrativa e de produción do Instituto de Arte Xénero Natureza da Academia de Arte e Deseño de Basilea; Agar Ledo, técnica de procesos de investigación do Museo de Pontevedra; Cruz Farto, xefa de xestión do Museo, como secretaria; e Ángeles Tilve, directora do Museo, como presidenta da comisión.
Con esta convocatoria a institución provincial, en colaboración coa Academia de Arte e Deseño de Basilea, favorece a produción artística contemporánea e impulsa a súa imaxe internacional, así como contribúe ao desenvolvemento de proxectos artísticos que dan visibilidade e conectan coa sociedade e reforzan os obxectivos do Museo de Pontevedra vinculados á formación e á promoción da arte. Ademais, a residencia permitirá potenciar o establecemento de redes creativas e colaborativas tanto na provincia como no ámbito internacional, e impulsar a investigación, a innovación e a concienciación a carón da cultura e da dinamización cultural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario