27 de xul. de 2025

A GUARDA

A Festa do Peixe Espada medra: deporte, cociña e tradición para sentir o mar máis alá do prato  

A Guarda celebrou hoxe a última xornada dunha edición que reivindica o peixe espada como símbolo da identidade da frota pesqueira da vila  


A gamela "Minxos", facendo viaxes pola dársena de A Guarda
O alcalde e membros do goberno municipal de A Guarda, con representantes de ORPAGU, no acto de entrega do premio a autora do cartel da XX Festa do Peixe Espada 


Mar Bermúdez / A Guarda 

 A XX Festa do Peixe Espada, organizada por ORPAGU, chegou este domingo á súa última xornada consolidada como moito máis ca unha cita gastronómica. Durante toda a fin de semana, actividades culturais, deportivas e divulgativas converteron esta celebración nun espazo de encontro arredor dunha especie que representa a identidade da frota pesqueira da Guarda, pero que conecta tamén co presente e o futuro do territorio.  

 A implicación dos máis pequenos tivo de novo un peso destacado nesta edición, especialmente a través dos obradoiros de cociña infantil. Alén de ensinarlles a preparar pratos con peixe espada, estas actividades foron unha oportunidade para achegarlles, dun xeito sinxelo e divertido, o respecto polo mar e o amor pola tradición mariñeira. “Queremos que sintan o peixe espada como algo propio, que entendan o oficio do mar e aprendan a valoralo desde pequenos. E iso conséguese mellor cando se vive en primeira persoa”, sinala Juana Parada, directora xerente de ORPAGU.  

 Outro dos sinais da evolución da festa foi a incorporación de probas deportivas ao programa. O VIII Torneo 3x3 Vila da Guarda e o I Gran Premio Ciclista ORPAGU, que incluíu unha carreira popular para todas as idades, achegaron novos públicos e reforzaron o vínculo da comunidade coa súa festa máis emblemática. 

 Hoxe, domingo, o programa continuou coas últimas viaxes en gamela "Minxos" pola dársena e co Festival de Baile da Escola Attitude, que pechou a programación no auditorio san Bieito. 


A XX Festa do Peixe Espada, organizada por ORPAGU, fixo posible coñecer e probar, diferentes recetas de peixe espada en 16 restaurante de A Guarda

 

 Durante toda a fin de semana, 16 establecementos de hostalaría ofreceron pratos especiais a base de peixe espada, desde filetes á prancha ata hamburguesas, fideuás ou zorzas mariñeiras, achegando creatividade culinaria á tradición do produto. 

 “Levamos vinte anos celebrando esta festa, pero cada edición ten algo distinto”, engade Parada. “A deste ano demostra que o peixe espada segue sendo o centro, si, pero tamén unha escusa para xuntar xeracións, crear comunidade e lembrar de onde vimos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario