11 de ago. de 2024

A GUARDA

A AGRUPACIÓN MUSICAL DE A GUARDA ORGANIZA O XV FESTIVAL DE BANDAS "VILA DA GUARDA"

Será o sábado 17 de agosto, ás 20:15 horas, no auditorio ao aire libre san Bieito




Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda 

 A Agrupación Musical de A Guarda, coa colaboración da Deputación de Pontevedra - mediante o programa Culturea - e o Concello de A Guarda; organiza o XV Festival de Bandas "Vila da Guarda". 

 O evento, no que participarán as bandas de música Ateneo Musical de Bembrive, de Vigo, e Agrupación Musical de A Guarda, celebrarase o vindeiro sábado día 17 de agosto, ás 20:15 horas, no auditorio ao aire libre san Bieito. E en caso de previsión de mal tempo, será no salón principal da centenaria sociedade Recreo Artístico Guardés.

Ateneo Musical de Bembrive

 O Ateneo Musical de Bembrive foi creado o 1 de outubro de 1994 baixo a iniciativa de Roberto Carlos Lobato Abalde, quen con 20 nenas/os inicia a súa andaina.  

 En febreiro de 1996 asume este reto D. Javier González Lamas, creando unha escola de música.

 O 19 de decembro de 1996 a banda de música do Ateneo actúa por primeira vez no auditorio do Centro Cultural Helios, de Bembrive, pero non é ata o 6 de febreiro de 1999 cando fai a súa presentación oficial, sendo amadriñada pola banda de música Agrupación Musical do Rosal. O 30 de maio deste mesmo ano preséntase no auditorio do Concello de Vigo.

 A partir de aquí os concertos empézanse a facer cunha maior asiduidade, realizando actuacións en diversos festivais tanto por toda a xeografía galega así como en distintas cidades españolas e de Portugal.  

 A crecente actividade no Ateneo dá lugar a creación de distintas formacións. Asi créase en 2009 a Banda-Escola; en 2010 a agrupación Costamekrelos; en 2013, baixo a man de D. Óscar Prieto Sanmartín a Big Band Os Swingdomables Jazz Orquestra, e no 2015 a formación vocal Ateneo Cantabile.

Agrupación Musical de A Guarda

 Por  iniciativa  de nais/pais e profesores do Conservatorio de Música e do Concello de A Guarda, nace en novembro de 2001 o proxecto de creación dunha Banda Xuvenil de Música formada por alumnos do Conservatorio. Despois de dous anos de formación, a xove Agrupación Musical, actúa por primeira vez en público no Festival fin de Curso 2002-03.                   

 Pero é o 25 de xuño de 2005, cando Agrupación Musical de A Guarda fai a súa presentación oficial amadriñada pola Agrupación Musical do Rosal, na praza do Reló, de A Guarda, con 44 compoñentes.

 Dende a súa creación a Agrupación Musical de A Guarda actuou en diversos actos culturais celebrados tanto na Guarda, como na comarca do Baixo Miño: Encontro Internacional de Corais (ano 2004); Festivais de Santa Cecilia; ciclo de concertos de verán organizados pola concellería de Cultura e da Asociación de Comerciantes (ACIGU)(anos 2003 e 2004); Festival benéfico de axuda aos afectados polo Tsunami do Sudeste Asiático (ano 2004); Festival de clausura do Cine Avenida (ano 2005); Festival de Músicos xoves de O Rosal (ano 2005); Festival a beneficio do Colexio de educación especial San Xerome Emiliani (ano 2006), no Auditorio Municipal de Goián (Tomiño); así como en distintos festivais fóra de Galicia: I Festival Nacional de Bandas de Música en Pola de Laviana (Asturias); I Encuentro Nacional de Bandas en Arroyo de la Encomienda (Valladolid), Encontro de Bandas en Lanhelas (Portugal), etc.  Participa tamén en moitos festivais de bandas: Vincios, Meis, Barbadás, Mos, Ortigueira, Marín, Lousame, Coruxo, Chapela, Cabral, Ribadeo, Chantada, Rianxo, Allariz, etc.

 No ano 2009 participa por primeira vez no Certame Provincial de Bandas acadando o 2º premio na 3ª categoría (ata 45 músicos). No ano 2010 participa no X Certame Provincial de Bandas conseguindo o 3º premio e no IV Certame Galego de Bandas en Santiago acadando a 4ª posición. En agosto do 2011 grava o seu primeiro CD no Auditorio Municipal de Goián. En 2014 participa no programa Luar, da Televisión de Galicia. En 2015 participa no III Festival Zonal de Bandas de Música da Deputación. 

 A Agrupación ten ademais un grupo de iniciación que conta cunha media de 30 músicos tanto nenos como adultos que forman a canteira da banda. Este grupo está dirixido por José antonio Soutelo.  

 A Agrupación organiza anualmente o "Concerto de Santa Icía" no mes de novembro, e o Festival de Bandas "Vila da Guarda", e ademáis ofrece concertos monográficos durante o verán, como o "Concerto pop & rock", "Un concerto de película" ou o concerto da Agrupación Musical de A Guarda con María do Ceo.  

 Despois do paro que provocou a pandemia en canto a actuacións, a Agrupación Musical de A Guarda retomou súa actividade e organizando novos concertos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario