15 de xul. de 2024

TOMIÑO

‘Roupa tendida’ vai levar a maxia da narración oral á praza da Mina, co PequeVerán  

Xarope Tulú chegará a Tomiño co seu espectáculo para a cativada, este xoves 18 de xullo ás 19.30 horas  




Infogauda / Tomiño  

 O Concello de Tomiño continúa coa súa aposta pola cultura e o entretemento infantil nesta época estival coa chegada dun novo espectáculo para nenos e nenas ao abeiro do programa PequeVerán. O vindeiro xoves 18 de xullo a partir das 19.30 horas, a praza da Mina será o escenario de ‘Roupa tendida’, unha proposta de Xarope Tulú que afonda na literatura de tradición oral para que a cativada tomiñesa crezan aprendendo ao tempo que se divirten. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou a importancia de realizar actividades como as que se están a levar a cabo este verán para o desenvolvemento cultural dos máis pequenos e pequenas. “Traer espectáculos como o de Xarope Tulú ao noso concello promove a cultura e a tradición oral, contando historias ao modo de onte para construír o noso futuro”.  

 ‘Roupa tendida’ é unha obra que explora a narración oral que procura afondar na literatura de tradición oral, revisitando contos tradicionais co obxectivo de reflexionar sobre as crenzas colectivas e observalas coa perspectiva do tempo, contalas desde a visión dos e das pequenas que se fixeron grandes e cuestionaron unha e outra vez o papel das silenciadas, das subversivas, das que non tiveron voz.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario