16 de xul. de 2024

O ROSAL

O Rosal mantén a súa memoria máis viva que nunca   

O Concello vai presentar este venres 19 de xullo ás 20.00 horas, no auditorio municipal, a terceira edición de ‘Memoria Viva’. Desta vez, Pepe O Buraco, é o protagonista  




Infogauda / O Rosal

 Poucas familias rosaleiras non teñen un pasado ligado aos telleiros. Emigraban cinco ou seis meses ao ano ao longo da xeografía española para gañar o pan e no Rosal quedaban só mulleres, nenas e nenos menores de 13 anos que se encargaban de traballar, cociñar e limpar. Un deses nenos foi Pepe O Buraco, protagonista da terceira edición de Memoria Viva, unha iniciativa posta en marcha polo Concello para protexer e preservar o patrimonio inmaterial do Rosal, así como o coñecemento e a memoria que atesouran as persoas maiores do municipio.  

 Este venres 19 de xullo, o Concello presenta ás 20.00 horas no auditorio municipal do Rosal unha nova entrega deste proxecto coa proxección dun vídeo documental e dun libro editado en pequeno formato que permitirá ao público percorrer a historia rosaleira a través das lembranzas e da voz de Pepe, patrimonio inmaterial vivo e testemuña incomparable da forma de vivir doutros tempos.  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, sinalou a importancia deste proxecto que xa vai pola súa terceira edición. “Non queremos que caia no esquecemento unha parte tan importante da nosa memoria individual e colectiva. Por iso seguiremos traballando para continuar recompilando e recuperando as vivencias persoais, os momentos históricos, as formas de vida,..., que gardan na memoria os nosos veciños e veciñas”.  

 Deste xeito, Pepe O Buraco súmase aos vídeos documentais e á serie de libros protagonizados por Nemesio Castro, Marcolina González, Carmen Piedra Pérez e Isaac Penela Carbajales.  

 Dende o Concello quere agradecerse a inestimable colaboración de Pepe, implicado de principio a fin en todo o proceso, e convida a toda a veciñanza a participar no acto de presentación, que será con entrada de balde ata completar aforo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario