17 de xul. de 2024

A GUARDA

Carrero deixa 1 ano “no caixón” o proxecto da Saída Sur ao porto da Guarda 

A tan ansiada saída sur ao porto, un proxecto que os/as socialistas estabamos sacando adiante coa colaboración da Deputación de Pontevedra, e que quedara moi avanzado a finais da lexislatura pasada, leva todo un ano paralizado.  

A portavoz do Partido Socialista, Fátima Rodríguez, presentará unha moción ao pleno para que o actual equipo de goberno teña que comprometerse a seguir impulsando este proxecto.  


Infografía co trazado previsto para a saída sur


Grupo municipal do PSdeG-PSOE / A Guarda

 As xestións para dotar á Guarda desta necesaria infraestrutura foran xa iniciadas a principios de marzo de 2017, ano no que o anterior alcalde da Guarda, Antonio Lomba, solicitou á Deputación de Pontevedra presidida pola socialista Carmela Silva, a redacción do proxecto desta infraestrutura, vinculada á humanización da rúa Concepción Arenal.  

 Despois de anos de trámites e antes do remate da anterior lexislatura, conseguíase o informe favorable de Patrimonio ao proxecto proposto. E, en xuño de 2023, co mandato de Carrero xa iniciado, publicábase no DOGA o informe favorable da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, que definitivamente daba luz verde  ao proxecto de construción dun novo acceso ao porto da Guarda.  

 Unha vez feitos estes trámites, que realmente eran os máis complicados, o actual alcalde debería ter “movido ficha” neste asunto durante este ano, pero non foi así. Fai unhas semanas solicitamos acceso ao expediente para saber en que punto se atopaba o tema, e cando nolo deron puidemos comprobar que todo o procedemento quedara paralizado xusto no punto no que nós o deixáramos.   

 Todo isto ven a demostrar, unha vez máis, que todos eses asuntos que parecían preocuparlle tanto a Carrero cando estaba na oposición e sobre os que facía tanta demagoxia, agora pasaron a un segundo ou terceiro plano.   

 Preguntámonos se este goberno vai a seguir paralizando todos os proxectos importantes para A Guarda, e se Carrero vai a seguir no seu papel de “alcalde ausente” os próximos tres anos de lexislatura.   

 Tamén nos gustaría saber se Roberto vai a preocuparse nalgún momento dos asuntos da Guarda, porque aínda que vaia aos eventos e se saque fotos para aparentar actividade, este alcalde non lle dedica suficiente tempo ao Concello, e ás probas nos remitimos: subvencións perdidas, proxectos paralizados, falta de mantenemento, ausencia de novas iniciativas, etc.   

 Nós, pola nosa parte, e demostrando o noso compromiso coa Guarda levaremos a pleno unha moción para que o equipo de goberno teña que comprometerse a seguir adiante con este proxecto, e sobre todo non se perdan todos os avances feitos desde 2017, avances aos que costou moito esforzo e tempo chegar.  

A Guarda, a 17 de xullo de 2024

Ningún comentario:

Publicar un comentario