O Rosal investirá máis de 51.000 euros na mellora do Camiño Estrada da Pousa
• As obras incluirán a mellora da contorna da praza da Mareca, lugar de encontro para a veciñanza
• Os traballos forman parte das intervencións do Concello nos camiños rurais e serán financiados a través de Agader
Durante as últimas semanas o Goberno municipal estivo preparando a contorna levando a cabo importantes traballos previos aos labores de asfaltado
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal dá novos pasos na súa aposta estratéxica pola mellora dos camiños rurais, nos que está a acometer diferentes intervencións para aumentar a seguridade viaria e o confort de usuarios e usuarias nas parroquias do municipio. Neste sentido, o Goberno municipal acaba de sacar a licitación os traballos de adecuación do camiño Estrada da Pousa, que incluirán ademais a mellora da contorna da praza da Mareca, un espazo de encontro, lecer e celebración moi empregado pola veciñanza.
Avaliado o deterioro que sofre o pavimento nesta estrada polo seu uso e desgaste, que pode afectar á seguridade da circulación, o Concello procederá a súa pavimentación, corrixindo as irregularidades que presentaba a estrada e realizando obras complementarias como o recrecido de pozos e rexas, o corte do pavimento ou o roce e limpeza de marxes dos vieiros.
Para a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “trátase dunha nova intervención nos camiños rosaleiros moi necesaria que forma parte dun traballo estratéxico e planificado do Concello para ofrecer á nosa veciñanza unhas infraestruturas axeitadas que permitan mellorar a mobilidade e a conectividade”.
Por este motivo, durante as últimas semanas o Goberno municipal estivo preparando a contorna levando a cabo importantes traballos previos aos labores de asfaltado, melloras necesarias aínda que “en moitos casos invisibles”. “Estamos investindo para reparar e mellorar os nosos camiños, uns traballos importantes que non queremos que sexan en balde e que deben ir acompañados dunha reforma integral da zona. Por iso, xa realizamos os traballos de cambio da tubaxe da traída municipal e se melloraron aspectos relacionados con algúns tramos de canalizacións pluviais”, resaltou a rexedora.
Esta obra de mellora do camiño Estrada da Pousa sae a licitación por 51.000 euros, que serán financiados ao abeiro do Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Xunta de Galicia. As entidades ou persoas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 22 de outubro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario