11 de out. de 2024

O ROSAL

O Rosal busca fotos para recuperar as ‘Memorias da escola rural’    

 O Concello solicita á veciñanza fotografías antigas do alumnado das escolas unitarias rosaleiras para facer unha exposición coa que homenaxear a historia do ensino rural  


O Concello do Rosal lanza unha iniciativa pioneira que busca recompilar fotografías antigas relacionadas co alumnado das escolas unitarias

Fotos: Arquivo Concello O Rosal

Infogauda / O Rosal 

 O Rosal quere recuperar un anaco importante da súa historia coa colaboración e implicación da veciñanza. Ao abeiro do proxecto ‘Memorias da escola rural’, o Concello lanza unha iniciativa pioneira que busca recompilar fotografías antigas relacionadas co alumnado das escolas unitarias que marcaron o pasado educativo do municipio para realizar unha exposición coa que homenaxear a historia do ensino rural no Rosal.  

 “Queremos plasmar a historia a través das imaxes, recuperar as vivencias que moitos e moitas gardan no recordo, recuperar a nosa memoria e render unha sentida homenaxe ás escolas unitarias de Tabagón, Fornelos, Pías, Couso, Novás, As Eiras, San Miguel e Pancenteo e a todos os veciños e veciñas que creceron nelas,” destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

 As persoas que garden fotografías e estean interesadas en participar poderá achegar as súas imaxes ata o vindeiro 11 de novembro de forma presencial ao Concello do Rosal, onde serán escaneadas e procesadas de forma coidadosa pola organización antes de devolvela ao seu propietario ou propietaria. 

 Poden ser fotos en branco e negro ou en cor sen manipulación dixital presentadas en papel sen importar o tamaño. Cada unha das imaxes presentadas será identificada de forma individual e deberá contar con información sobre a data aproximada da fotografía e a escola unitaria na que foi feita.  

 Como salienta a rexedora, sabemos que moitas familias teñen fotos gardadas con cariño, recordos que queremos que compartan co resto de rosaleiros e rosaleiras. É unha oportunidade única para que a historia visual das nosas escolas e do noso pobo non se perda.” 

 A exposición celebrarase os vindeiros 15 e 16 de novembro na Escola Unitaria de Tabagón con motivo da súa inauguración tras a súa reforma integral, un espazo cheo de simbolismo que se converterá na nova sede do CRA María Zambrano e que nesta  mostra de fotografías recollerá testemuños e momentos clave do pasado educativo do Rosal. Con esta iniciativa, o Concello busca non só preservar e visibilizar a historia e o patrimonio rosaleiro, senón tamén crear un espazo de encontro entre xeracións que lles permita compartir as súas historias e conectar co pasado. “O pasado non debe quedar esquecido; coa colaboración de todas e todos, podemos manter vivas as nosas raíces,” conclúe a alcaldesa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario