14 de xul. de 2024

A GUARDA

A Rosegha volverá en 2026 para honrar a herdanza mariñeira da Guarda   

• O broche de ouro do festival púxoo a Robaleira Fest, onde DJs locais puxeron música ata altas horas da noite para celebrar o gran éxito do evento. 

• Pola mañá, centos de persoas seguiron a navegación de maquetas na carpa do porto, onde maiores e pequenos gozaron coas reproducións das embarcacións tradicionais.

  

O volanteiro Piueiro e a Lancha Poveira do Alto Fé em Deus, no peirado do porto de A Guarda

A catraia Santa María dos Anjos, de Esposende, tamén participou no Festival A Rosegha
Gamelas guardesas navegando á vela no porto guardés


Mar Bermúdez / A Guarda

 O Festival A Rosegha concluíu con éxito a súa primeira edición, reforzando o seu obxectivo de celebrar e preservar a rica herdanza mariñeira da Guarda. Organizado pola Asociación Piueiro, o evento que uniu a veciños e visitantes de Galicia e Portugal nunha celebración de tres días chea de actividades culturais, talleres e espectáculos musicais, volverá en 2026. 


A Rosegha deixou estas estampas no porto de A Guarda



O Festival A Rosegha tamén foi unha celebración nocturna
Un momento do concerto do grupo folk Lirolai, que precedeu ao da gaiteira Nadia Vázquez
Navegación de barcos a escala reducida na carpa do Portiño Ñovo



 Do 13 ao 15 de xullo, o porto da Guarda transformouse nun vibrante espazo de encontro, onde as tradicións da xente do mar foron as verdadeiras protagonistas da festa que contou tamén co apoio do Concello de A Guarda e a Deputación de Pontevedra.  

 Ao longo de tres días, os asistentes gozaron de exhibicións de navegación en embarcacións tradicionais, pasacalles con música de gaitas, e conferencias sobre a historia marítima local. Ademais, as actividades deseñadas para nenos e o mercado de artesanía mariñeira permitiron levar un recordo tanxible da cultura da Guarda. 

 O presidente da Asociación Piueiro, Joaquín Cadilla, destacou a importancia da comunidade local no éxito do festival: “É marabilloso ver como todo o pobo únese para celebrar as nosas raíces. A participación activa dos veciños, decorando as súas casas e negocios e a colaboración de asociacións locais foi esencial para crear un ambiente festivo e acolledor que reflicte á perfección o espírito da Rosegha”. 

 O broche de ouro do festival púxoo a Robaleira Fest, onde DJs locais puxeron música ata altas horas da noite, celebrando na carpa do porto o gran éxito do evento. Pola mañá, centos de persoas seguiron a navegación de maquetas, onde maiores e pequenos gozaron coas reproducións das embarcacións tradicionais. 

 De fronte ao futuro, a Asociación Piueiro ten a firme intención de seguir desenvolvendo A Rosegha, consolidándoo como unha cita bianual imprescindible que enriqueza o calendario cultural e turístico da Guarda, promovendo así o amor e o respecto polo mar e as súas tradicións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario