11 de xul. de 2024

A GUARDA

A Guarda conta as horas para estrear “A Rosegha”, un festival de embarcacións tradicionais que une cultura e tradición  

Venres, sábado e domingo sucederanse as actuacións, concertos e as travesías en embarcacións tradicionais  como o Piueiro para celebrar a rica cultura mariñeira da Guarda.  


A Lancha Poveira do Alto "Fé em Deus" abarloada co volanteiro "Piueiro", no porto de A Guarda
 

Mar Bermúdez / A Guarda 

 Só faltan unhas horas para que o evento A Rosegha, co que a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro busca revivir e preservar a rica cultura mariñeira da Guarda, de comezo. A festa, que se prolongará ata o domingo, xorde coa ambición de converterse nunha auténtica celebración para a promoción da tradición pesqueira local baixo o lema "Unindo Pobos".  

 Durante o inverno, os membros de Piueiro mantiveron unha estreita relación con diversos pobos portugueses, realizando viaxes a lugares como Póvoa de Varzim, Vila do Conde, Caminha e Esposende. "Se hoxe isto é posible, é grazas a toda esta comunión cos pobos portugueses que máis que veciños son irmáns," sinalou o presidente da asociación, Joaquín Cadilla Castro, no transcurso da presentación oficial do festival que tivo lugar durante a Festa da Lagosta. 

 Na súa intervención, Cadilla tamén destacou o apoio recibido polo Concello da Guarda e por varias asociacións como Vento Mareiro, a Confraría de Pescadores  e a Asociación de Redeiras, entre outras. "Dixen moitas veces neste pobo que Piueiro é un proxecto comunal. E créoo de verdade, a Rosegha é un claro exemplo disto" sinalou. 

 O evento, que se celebrará en terra e mar,  toma o seu nome dunha ferramenta utilizada para recuperar aparellos perdidos, simbolizando o esforzo de Piueiro por revivir e preservar a cultura mariñeira que define a identidade do pobo. "A Rosegha axudaranos a sacar do fondo todos eses tesouros que parecen pequenos, porque non teñen valor económico, pero son tesouros de enorme valor," explicou. 

 Desde Piueiro subliñan a importancia destes "tesouros" que poden ser desde unha marca, unha cortiza, ata o comentario dunha persoa: "Todo é importante. Este pobo non se pode desvincular culturalmente do mar e A Rosegha é un evento máis nesa procura que levamos os piueiros desde hai anos, de tentar facer deste mes de xullo o mes Mariñeiro na Guarda." 

 O evento tamén conta coa colaboración dos habitantes que decoran casas, escaparates  e fachadas, achegando ao ambiente mariñeiro que se espera estender a todos os recunchos do pobo. "Gustaríanos que no futuro o mes de xullo o mar estea presente en todos os recunchos do pobo. Cada ano facemos cousas nesta liña”, concluíu. 




Programa de Actividades 

Venres 12 de xullo 

No porto da Guarda. 

- 19:00 h: Pasacalles do Grupo de Gaitas do Club de Xubilados e Pensionistas da Guarda. 

- 22:00 h: Na carpa do porto unha noite de música e baile. 

 Durante todo o día poderase gozar de navegación de embarcacións tradicionais - suxeitas ás condicións meteorolóxicas -, e dunha exposición fotográfica de embarcacións tradicionais no paseo marítimo, ofrecendo unha mirada ao pasado marítimo da localidade. 

Sábado 13 de xullo

 No porto da Guarda. 

- 12:00 h: Pasacalles do grupo Trebón dos Xidos, animando o ambiente coa súa música. 

- 12:30 h: Conferencia "A presenza de guardeses no norte de Portugal" a cargo da doutora Aurora Rego, que levarase a cabo na nave da Asociación de Redeiras Atalaia. 

- 19:00 h: Pasacalles coa Treboada do Lusco o Fusco, seguido dunha actuación da charanga PatoCar. 

- 21:00 h: Concerto de Lirolai na zona da carpa do porto. 

- 22:30 h: Concerto da gaiteira Nadia Vázquez, pechando a xornada coa súa música tradicional na zona da carpa do porto. 

Domingo 14 de xullo 

No porto da Guarda. 

- 10:00 - 20:00 h: Navegación de maquetas na carpa do porto, unha actividade fascinante para todas as idades. 

- 12:00 h: Pasacalles do Grupo de Gaitas A Boalleira. 

- 12:30 h: Conferencia "D. Jose Bernardo Vaz e ou mar da Guarda", a cargo de Celso Rodríguez Fariñas, na nave da Asociación de Redeiras Atalaia ofrecendo unha profunda perspectiva sobre a historia marítima local. 

- 19:00 h: Pasacalles das Pandereteiras do Lusco o Fusco. 

- 23:00 h: Festival Robaleira Fest con DJ Tito e DJ Álex poñendo o broche de ouro ao evento cunha noite de música e celebración, na zona da carpa do porto. 

 Durante toda a fin de semana desenvolveranse diversas actividades incluíndo: 

- Actividades infantís. "Gamelinhas" na praia da Ribeira deseñadas para os máis pequenos fomentando o seu interese e amor pola cultura mariñeira. 

- Artesanía mariñeira na carpa do porto onde os visitantes poderán adquirir produtos elaborados por artesáns locais, reflectindo a tradición e a creatividade da rexión. 

 A Asociación Piueiro convida a todos os veciños e visitantes a participar na Rosegha e ser parte desta celebración única que honra a herdanza mariñeira da Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario