14 de abr. de 2024

MONÇAO

IN MEMORIAM


Campa de Amparo Alvajar no cemitério de Moreira, en Monção

Helena Pousa / Monçao

 Na véspera do Día da República, a poucos días da data da morte de Amparo Alvajar nunha das freguesías de Monção, un grupo de persoas de Galiza e Portugal reunímonos no cemiterio onde está soterrada Amparo Alvajar López-Jean, falecida en 1998, lonxe da súa familia e preto da súa querida Galiza, para lle rendermos a debida homenaxe. 

 No salón da freguesía, cedido amablemente polo presidente João Marques, nun acto organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, Amparo Alvajar recibe por primeira vez un recoñecemento público, unha homenaxe que ben merecía esta muller extraordinaria. 


De esq. á der.: Antón Lorenzo (Xaque), Aurora Marco e Helena Pousa

 O acto, moi sinxelo e emotivo, foi guiado por Antón Lorenzo (Xaque) e a profesora Aurora Marco, que leva investigando desde hai anos a vida desta muller tan polifacética con abundante documentación, explicou aos asistentes a interesante biografía de Amparo, especialmente desde que tivo que exiliarse por causa do levantamento militar do 36 e como se viu forzada a vivir en diferentes lugares, Francia, Arxentina, México, Estados Unidos e Suíza, onde traballou infatigablemente como tradutora de varios organismos, principalmente da Organización Internacional do Traballo, o Comité de Desarme ou a Conferencia para a Seguridade Europea, e recibía a moitos amigos tamén exiliados. Esta militante republicana que traballou con Casares Quiroga en Madrid, e con Carlos Esplá en Xenebra, tiña a intención de voltar a reinstalarse en Galiza, unha vez xubilada, mais de maneira inexplicable acabou comprando unha quinta moi preto do Miño, onde viviu os últimos anos da súa vida. Nunca se atreveu a regresar á terra natal, e só a enxergaba desde as murallas de Monção ou desde Valença. En Moreira, nesta freguesía raiana, faleceu Amparo, lonxe da familia. A nova do seu pasamento pasou totalmente desapercibida.  

 De aí que a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña considerase necesario divulgar e dar a coñecer o que fixo esta muller incansable que sempre se mantivo fiel aos ideais republicanos e prestou apoio á resistencia, e que hoxe repousa nunha campa solitaria na que só figura o seu nome e unhas datas. No sábado 13 de abril de 2024, levámoslle a súa sepultura un ramo de flores coas cores da bandeira republicana e plantamos, ao lado, unha oliveira para que saiba que non está soa nin a esquecemos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario