LIROLAI HOMENAXEOU AO POETA MANUEL DA VENTOSELA
• Na presentación do videoclip "Canción do Mariñeiro"
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Na tardiña de onte sábado, 13 de abril, no Salón de Plenos do Concello de A Guarda, o grupo de música tradicional Lirolai, do Rosal, presentou o seu novo videoclip, "Canción do Mariñeiro".
O entrañable evento cultural contou coa asistencia do alcalde e membros da Corporación Municipal de A Guarda, e tamén representantes do Concello do Rosal; compoñentes da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro; e unha representación da veciñanza do Rosal, A Guarda e doutras localidades da comarca do Baixo Miño.
A "Canción do Mariñeiro", inspirada no poema do poeta rosaleiro Manuel da Ventosela e musicada por Celso Diego Martínez, retrata a dura vida dos mariñeiros e o profundo vínculo co mar.
A gravación deste videoclip - realizada por Chile Estudio, do guardés Alejo Rodríguez - levouse a cabo en xuño do pasado ano nas costas da Guarda a bordo do volanteiro "Piueiro", embarcación tradicional recuperada en boa hora, por iniciativa da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, e construída na empresa Astilleros El Pasaje S. L., baixo a supervisión directa do inesquecible Domingo Carrero Álvarez "Minxos", mestre carpinteiro de ribeira.
Previamente a presentación do videoclip - e tamén con posterioridade -, o grupo de música tradicional Lirolai interpretou varias pezas do seu amplo repertorio musical que foron correspondidas cos merecidos e incondicionais aprausos do respectable público que ateigaba o salón de plenos do concello guardés.
No ecuador do acto, que foi coordinado por Rafael Martínez Rivero, membro de Lirolai; o investigador e xornalista Juan Ramón Martínez Barbosa, fixo unha pormenorizada descrición biográfica do poeta e xornalista Manuel Álvarez Rivero, coñecido como Manuel da Ventosela.
Asemade, na devandita presentación, houbo espazo para outras intervencións, entre elas á do alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e a do presidente da Asociación Piueiro, Joaquín Cadilla Castro. E tamén uns momentos nos que o grupo de música tradicional Lirolai agradeceu cuns agasallos feitos por usuarios do Centro San Xerome, de A Guarda, as distintas colaboracións que fixeron posible este novo fito na traxectoria musical de Lirolai.
Foi, en definitiva, todo un agasallo que Lirolai brindoulle á vila de A Guarda e quixo compartir coa súa veciñanza, pondo dese xeito en valor as boas relacións de colaboración e irmandade, existentes entre dous pobos veciños.
Ningún comentario:
Publicar un comentario